O programa Da Escola á Granxa recibe peticións para 73 actividades


O programa Da Escola á Granxa de Medio Rural da Deputación de Lugo estreouse cunha gran acollida por parte da comunidade educativa. Concluído o prazo de solicitudes -aberto do 4 ao 30 de maio- a área de Medio Rural recibiu peticións para 73 actividades en proxectos de emprendemento no rural: ganderías, producións agrícolas e pequenas empresas agroalimentarias.

A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade Mónica Freire valorou “a boa resposta a esta primeira edición do programa que pon en valor os produtos de proximidade e a importancia do sector primario de cara ás novas xeracións, nenas e nenos de infantil e primaria, aos que están dirixidas as actividades propostas. Con esta oferta formativa pretendemos recuperar a autoestima da figura do agricultor, gandeiro, pastor, do fornecedor de alimentos de calidade excepcional e de proximidade. Nos tempos actuais comezamos a entender que a soberanía alimentaria non é unha opción, e coa rede de visitas queremos trasladar estes valores ás nosas fillas e fillos.”

O programa pretende consolidarse no tempo como un complemento práctico para os nenos de educación infantil de toda a provincia, que deste xeito poderán coñecer o manexo de animais centrado no benestar animal das ganderías extensivas, obradoiros de elaboración de alimentos ou actividades ligadas ao coñecemento da contorna e á educación ambiental.

A convocatoria está dirixida ás asociacións de nais e pais, que recibirán achegas entre 300 e 600 euros para financiar a participación nas diferentes actividades solicitadas durante o ano 2022. A área de Medio Rural da Deputación inviste un total de 40.000 euros neste programa co que pretende tamén contribuír a consolidar unha oferta de recursos e servizos educativos arredor do sector primario e visibilizar referentes no rural.

“Da Escola á Granxa” ofrece un amplo abano de actividades por parte dun total de 25 produtores e entidades de distintos ámbitos do sector agrícola e gandeiro -desde o cultivo de froitas ou produtos de horta, ata castañas, mel, ovos, leite e carnes de vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar- que abrangue toda a provincia, dende a Mariña, pasando pola montaña: Ancares e Courel, ata chegar as zonas interiores da Ulloa e Terra Chá, para rematar na zona da Ribeira Sacra.

A este respecto, Mónica Freire detallou que “as preferencias dos solicitantes son moi diversas, polo que se configurará un calendario de actividades distribuído por toda a provincia para achegar aos máis pequenos a realidade dun sector que innova e que desenvolve un papel fundamental no dinamismo económico e social e na conservación do territorio das distintas comarcas”.

Os obradoiros de creación de hortos e sementeiros de Adega, as visitas a ganderías de extensivo, a empresas dedicadas a produción de alimentos a pequena escala ou a cultivos novos no noso territorio -como setas ou froitas tropicais- foron as propostas máis demandas polas anpas.