O Ganapan implica a rapazada de Pontevedra nunha receita vegana de chocolate


O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Mercado de Abastos de Pontevedra, comeza a ter a mente posta nas agardadas e merecidas vacacións dos máis pequenos.

Así, entre as actividades propostas para esta fin de semana, destinadas a nenos e nenas de 4 a 10 anos, segundo avanza a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, están "os obradoiros culinarios nos que a rapazada poderá cociñar bocados veganos de chocolate, unha receita apetecible e saudable para gozar do doce dun xeito diferente, e mini palmeiras bombón ben douradas e crocantes, bañadas en chocolate negro, absolutamente deliciosas”.

Ademais outras das as actividades propostas figuran un taller de creación de fantásticos e elegantes bolsos de verán (o sábado 4 de xuño) e outro de confección de orixinais e divertidos pousavasos (domingo 5 de xuño).

“Tódolos talleres desenvolveranse desde as 12:00 horas -sinala a edil do PSOE- e os nenos e nenas que queiran participar deberán reservar praza previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao de celebración das actividades. É máis que recomendable traer friameira para levar a casa as receitas elaboradas”.