O festival Revenidas, declarado de Interés Turístico Local



Coincidindo coa edición na que acada a maioría de idade, o Concello de Vilagarcía vén de declarar o Interese Turístico Local do Revenidas, o festival nado en Vilaxoán e que este ano se celebrará do 7 ao 11 de setembro.

A maiores da calidade dos grupos que conforman o cartel, a concesión deste distintivo baséase en que xa é un evento totalmente consolidado, que contribúe a dinamizar a localidade vilaxoanesa e o conxunto do municipio, así como a conservar e potenciar a cultura mariñeira e tradicións populares como a Festa das Revenidas, a romaría en torno á degustación da sardiña, un produto historicamente ligado a Vilaxoán a través da pesca e da industria da salgadura e da conserva.

A proposta da Concellería de Turismo sinala como factor que avala o Interese Turístico Local o valor que o Revenidas ten no marco da estratexia de promoción turística municipal ao tratarse dun evento que contribúe á desestacionalización da oferta por celebrarse fóra da tempada alta de verán e de forma independente á programación das festas patronais de San Roque.

Do mesmo xeito, destaca a orixinalidade do formato que, ademais dos tradicionais concertos de pago de todo festival, inclúe actuacións diúrnas -tanto musicais como de ocio e animación- totalmente de balde e pensadas para o público familiar, así como mercado artesanal, andainas polo pobo ou rutas musicais en embarcacións tradicionais.