O Festival do Viño da Ribeira Sacra reunirá 27 adegas en Monforte


O Festival do Viño da Ribeira Sacra terá lugar do 1 ó 3 de xullo no Paseo do Malecón de Monforte e que contará coa participación de 27 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 4 edicións que se levan celebrado do certame

As adegas participantes son Algueira, Peza do Rei, Ponte da Boga, Abadía da Cova, Alma das Donas, Lucenza, Rectoral de Amandi, Don Bernandino, Adega Vella, Condado de Sequeiras, Pilares de Belesar, Rectoral de Gundivós, Guímaro, Viña Vella, Malcavada, Petrón, Don Cosme, Cruceiro, Finca Cuarta, Cividade, Santa Mª de Nogueira, Val da Lenda, Proencia, Finca Millara, Gullufre, Ciudáseis e Amedo.

Ademais, contará cunha zona de gastronomía, obraidoiros infantís, tres VinoRuras pola Ribeira Sacra, e coma novidade organizaranse dous obradoiros para adultos de Iniciación á Cata de Viños da Ribeira Sacra, que consistirán nunha cata comentada e dinámica percorrendo diversos estilos de viños desta denominación de orixe.

A Zona de Gastronomía contribuirá a acompañar mellor a degustación dos viños, e na que participarán: Queixo negro Buleri, Queixo Milkabra, Casa Neiras, Embutidos Suarna, Jamones D. Francisco, Jamones Roberto, Panadería La Luna e establecementos asociados a “E para comer Lugo”.

Tamén será novidoso o emprazamento das actuacións musicais do Festival, que se ubicarán na praza Campo de San Antonio, e que este ano correrán a cargo do cantante POL 3.14 e a compañía Nova Galega de Danza con Rosa Cedrón. Ademais, despois da inauguración do festival, que terá lugar o venres 1 de xullo ás 7 da tarde, terá lugar a actuación da asociación folclórica coruñesa Donaire.