O Areeiro recomenda airear as viñas para combatir o mildio


A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que subliña que trala alarma de principios desta semana, a situación do mildio nas viñas da rede revisada é máis tranquila do previsto, de xeito que se detectou algunha mancha nova ou zona de avance nas antigas, pero sen niveis alarmantes.

Neste senso, desde a EFA sinalan que neste momento, a maioría das viñas xa estarán protexidas por un novo tratamento, pero dada a recorrencia de condicións favorables á enfermidade desde hai semanas que provocan ciclos constantes e solapados de infección, poden seguir aparecendo novas manchas. De aí que a súa recomendación para esta semana sexa realizar todas as labores de cultivo (podas en verde, desnetados, roza da vexetación do solo) que leven a garantir a mellor aireación posible a nivel das viñas e consecuentemente a reducir un risco de infección aínda importante.

O aviso tamén sinala que, no caso do oídio, aínda que esta semana non se atoparon indicios desta enfermidade, co recente período de precipitacións e dada a fenoloxía da viña, é probable que poidan aparecer os primeiros síntomas en albariño. Tamén sinala que se detectou esta semana unha presenza máis frecuente de síntomas de Black rot en folla, en especial naqueles predios próximos a plantas abandonadas tamén sintomáticas, de xeito que recomenda ás persoas viticultoras estar alerta, xa que comeza o período de maior sensibilidade ao fungo. Areeiro tamén incide no seu aviso noutras incidencias nas viñas, como o aumento do número de glomérulos (niños da primeira xeración) das avelaíñas do acio.

Por outra banda, o aviso tamén se refire á bolboreta do buxo, para recomendar o incremento da vixilancia deste arbusto, xa que se detectaron en Areeiro as primeiras postas da bolboreta, que están a punto de eclosionar.