O Arde Lucus supera as expectativas tamén como revulsivo económico




O número de asistentes e de actividades desta edición de Arde Lucus, clausurada o domimgo, levou as autoridades locais e provinciais a considerar o evento como un éxito rotundo.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, participou no acto final das lexións romanas e tribos castrexas do Arde Lucus 2022, xunto co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entre outras autoridades.

“Hoxe remata un Arde Lucus que superou todas as expectativas, que xa eran moi positivas”, manifestou Tomé Roca, incidindo no alto volume de afluencia, bo ambiente e elevados niveis de actividade na hostalería”, detallou o mandatario provincial. Subliñou, así mesmo, que resultou moi positivo poder volver a sentir o espírito do Arde Lucus, ser partícipe do sentimento co que vive a xente esta cita, e poder ver como, unha vez máis, Lugo pon en valor a nosa historia e a nosa cultura”, sinalou Tomé Roca.

A Deputación de Lugo aporta preto de 40.000€ para colaborar coa organización do Arde Lucus, a través dun convenio de colaboración co Concello lucense para a celebración do Circo Romano e a través dunha achega a unha das asociacións máis veteranas, a Cohors III Lucensium, para a construción dun campamento singular e orixinal.

Subliñou o presidente que o apoio da institución provincial á festa responde “ao noso firme compromiso coa difusión e a posta en valor da nosa cultura, a historia e o patrimonio, tanto material como inmaterial, e aproveitar toda esa riqueza para impulsar a economía”. Engadiu José Tomé que o Arde Lucus “é un auténtico revulsivo económico para a cidade, e promociona Lugo e toda a provincia a nivel nacional e internacional”.