O Arde Lucus estrena torre defensiva grazas á achega da Deputación de Lugo



O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou xunto ao representante da Asociación Cultural e de Promoción Turística Cohors III Lucensium Luis Miguel Muñoz Bretos un acordo de colaboración a través do que a institución provincial achega 10.000€ á entidade. 

Con esta achega económica da institución provincial, a agrupación financiará os gastos para a construción do Proxecto Eurocamp, unha edificación de catro torres defensivas para as recreacións históricas nas que participe o colectivo nun futuro inmediato.

Durante as festas do Arde Lucus, que teñen lugar esta fin de semana, este colectivo instala a edificación na Praza de San Marcos, pero a construción está previsto que se use tamén noutras citas.

José Tomé destacou a importancia desta construción porque “non existe unha instalación semellante en festas de recreación histórica, polo que se trata dun elemento singular e orixinal. Pero este é ademais un investimento que axudará a facer máis grande o Arde Lucus e a difundir esta festa, declarada de Interese Turístico Nacional e que aspira a ser declarada de Interese Turístico Internacional”.

Durante as festas do Arde Lucus, que teñen lugar esta fin de semana, este colectivo instala a edificación na Praza de San Marcos, pero a construción está previsto que se use tamén noutras citas.

O Presidente puxo en valor “a implicación e o traballo” da Cohors, á que felicitou polos seus 15 anos de traxectoria, para potenciar o Arde Lucus, “sempre indo a máis, con melloras, con novidades e con recreacións cada vez máis rigorosas”.

Este investimento, que se suma á achega de 28.000€ ao concello para celebrar o circo romano, responde “ao noso firme compromiso coa difusión e a posta en valor da nosa cultura, a historia e o patrimonio, e aproveitar toda esa riqueza para impulsar a economía, o sector hostaleiro, do comercio e o turismo”, salientou Tomé Roca.