Nova páxina web de turismo de Poio para consolidarse como destino




O Concello de Poio conta desde cun portal web “que está á altura da importancia do noso sector turístico”. Así o confirmou a tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), durante a presentación da páxina www.turismodepoio.gal, un espazo web que vén de experimentar unha profunda renovación e que se consolida como “un gran escaparate de todos os atractivos que ten o noso municipio”.

Díaz estivo acompañada na presentación da web, xa activa desde este venres 3 de xuño, por representantes da empresa Trivium, responsable desta actualización. Tamén acudiron ao acto representantes da Asociación de Hostaleiros de Poio e profesionais que tomaron parte no programa Descubre Poio.

O Concello investiu neste proceso uns 12.000 euros, máis IVE. Foron catro as entidades que se presentaron ao concurso de licitación. “Con este novo portal de turismo melloramos de xeito notable a nosa competitividade no mercado dixital”, afirmou a representante do Goberno municipal, que resaltou a importancia de contar hoxe en día con ferramentas con este potencial á hora de acadar un dos grandes obxectivos que persegue a Administración local e os profesionais do sector, como é consolidar a súa imaxe de marca como destino de referencia.

A nova web vai máis alá da achega de datos e información de interese para usuarios e usuarias. Un dos principais avances que presenta é que todos os contidos atópanse, ademais de en galego e en castelán, en inglés, o que supón un paso máis á hora de captar e fidelizar ao público internacional, que é unha das metas a acadar por parte da Administración local e dos e das profesionais do sector. Outra característica a destacar é que se poderá acceder a turismodepoio.gal “mediante o uso de calquera dispositivo, incluídos smartphones. Contamos, ademais, cun paquete ‘SEO on page – off page’ que permitirá que academos un mellor posicionamento nos buscadores, o que facilitará o incremento de visitas”, apuntou.

“As persoas que visiten a nova páxina web non só disporán dunha ampla información sobra as rutas de sendeirismo, as praias, o patrimonio histórico ou eventos lúdicos, senón que tamén terán á súa disposición un mapa virtual no que tamén se recollen a maiores datos de numerosos negocios e aloxamentos turísticos. Deste xeito, a través desta ferramenta tamén buscamos promocionar a oferta de prazas hoteleiras e axudar á dinamización do sector”, explicou a concelleira de Turismo, que se referiu tamén a outras seccións como a axenda, na que se recollen as datas cos diferentes eventos de interese que se celebran en Poio.

Esta ferramenta funcional permite enlazar directamente co Google Maps, para facilitar a localización e os percorridos correspondentes, especialmente útil para coñecer o emprazamento de negocios específicos ou zonas de interese como poden ser as rutas de sendeirismo ou os miradoiros. Outro dos puntos fortes da nova web de Turismo é que facilita a interacción coas redes sociais, que pasan a estar totalmente integradas no portal.

Silvia Díaz salientou, asemade, que a páxina web presenta unha estrutura que facilita o seu uso intuitivo por parte das usuarias e usuarios, que contarán á súa disposición con material audiovisual de interese. “Son cinco vídeos promocionais que tamén serán difundidos a través das redes de Turismo de Poio nas vindeiras semanas”, adiantou, ao tempo que tamén fixo fincapé no feito de que esta ´web “está preparada para estar en constante crecemento e acoller novos contidos. É un espazo vivo e dinámico, que actualizaremos de maneira periódica”, garantiu. A tenente de alcalde finalizou resaltando a importancia de contar cunha ferramenta que “nos permite continuar avanzando no obxectivo de consolidar ao noso municipio como un destino turístico de referencia durante os doce meses do ano”.