Mellora dos accesos a Carballeda para facilitar o turismo industrial




A Deputación de Ourense estudará o acondicionamento e mellora da estrada que comunica as poboacións de Casaio e Casaio Suso, en Carballeda de Valdeorras, esencial para o desenvolvemento dun plan de turismo industrial pioneiro en Galicia. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, analizou xunto coa alcaldesa, María del Carmen González, os detalles dunha infraestrutura cun indubidable potencial turístico, "pois se queremos que os visitantes coñezan as explotacións de lousa da zona e as paraxes que as rodean é indispensable ofrecerlles unhas axeitadas comunicacións", dixo González

A solicitude da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras xurde trala recente visita de Manuel Baltar á parroquia de Casaio, onde coñeceu de primeira man a relevancia das canteiras existentes na zona para a posta en marcha dun tipo de turismo inédito en Galicia pero con moito éxito noutros países europeos.

Manuel Baltar recoñece a función básica que por si mesma cumpre esta estrada ao conectar as poboacións desta parte do municipio, pero tamén destaca a importancia desta infraestrutura para facilitar o tránsito dos turistas que acoden a visitar esta zona para coñecer un sector clave da economía provincia e as paraxes nas que se sitúan, de aí que a alcaldes formulara tamén a posibilidade de habilitar miradores durante o traxecto.

A rexedora de Carballeda de Valdeorras agradeceu a receptividade do presidente da Deputación ás súas propostas e resaltou "o clima de cooperación existente entre ambas administracións", citando neste sentido algunhas actuacións postas en marcha, tamén no ámbito do turismo, como unha senda peonil no Camiño do Inverno, "para maior comodidade dos viaxeiros que cada día medran en número" , e unha axuda para o acondicionamento da igrexa de Sobradelo "que non é un simple templo, senón que é patrimonio dese Camiño".

A colaboración en traballos medioambientais de limpeza e roza xunto aos núcleos de poboación, así como para o servizo de fisioterapia que desde á área social do Concello ofrecen á poboación de maior idade foron outros dos aspectos tratados entre Manuel Baltar e María del Carmen González no marco da colaboración que a Deputación mantén co Concello.