Medio Rural defende a xestión sustentable do territorio no marco da Comisión NAT



A a xestión sustentable do territorio é a mellor fórmula para garantir que o sector primario galego, español e europeo medre e teña futuro, segundo expuxo o conselleiro do Medio Rural, José González, no debate “Alimentos asequibles e ingresos agrícolas xustos: reforzar a resiliencia do sistema alimentario da UE”, no marco da Comisión de Recursos Naturais (Comisión NAT) do Comité Europeo das Rexións, que se reúne estes días na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Na súa intervención, González puxo en valor iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, impulsada pola Xunta e que vén de cumprir un ano dende a súa entrada en vigor, como fórmulas para loitar contra o abandono e para reforzar o sector primario.

Nesta liña, sinalou que hoxe máis ca nunca é preciso reforzar este eido produtivo, tendo en conta circunstancias como a pandemia ou a invasión rusa de Ucraína.

Neste sentido, o conselleiro lembrou a importancia das axudas da PAC nese reforzo do sector, pero trasladou que cómpre, ao tempo, avanzar na regulación de mecanismos de apoio aos operadores primarios -agricultores e gandeiros- pola vía do mercado, valorizando os seus produtos e tendo en conta que isto pode traer consigo unha suba de prezos para o consumidor final e fixo fincapé na necesidade de “ser menos dependentes do exterior” no que atinxe ao aprovisionamento de alimentos.