Máis de 3.000 persoas participaron en Pontebirra


“Máis de 3.000 persoas, moitas delas de fóra de Pontevedra, pasaron pola Praza de España ao longo desta pasada fin de semana para degustar os 100 tipos diferentes de cervexa artesá que se ofertaron na IV edición de Pontebirra.

Aínda que as condicións meteorolóxicas non foron precisamente as mellores, as cifras poñen de manifesto a consolidación e boa acollida desta feira e a súa importancia para o sector”. Deste xeito valorou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, o impacto que na cidade tivo o evento gastronómico organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e La Ruta del Lúpulo SL en colaboración co Concello e as firmas locais Nasa e Meiga, e que contou con cervexeiros procedentes de toda Galicia, Madrid, Castela e León, Castela A Mancha e Portugal, incluíndo no seu programa concertos, DJ’s, foodtrucks, obradoiros e xogos populares.

A edil do PSOE salientou a enorme variedade de cervexas artesás que os amantes do lúpulo e a cebada puideron atopar neste evento, servida, ademais de polas pontevedresas Meiga e Nasa, polas firmas Nós (Vigo), Irmaos de Lei (Vigo), Atlántica (Redondela), The One (Sanxenxo), Bubela (Lugo), Go (Madrid), Áncora (Ourense), Castreña (O Bierzo), Nortada (Porto), Siesta (Burgos) e Banda (Nigrán).ç

“A variada comida de rúa ofertada -apuntou- tamén tivo moi boa aceptación, con foodtrucks para tódolos gustos: Yummy World, de burguers gourmet; La Gallega, de parrilada e polbo; Caleyes, de hamburguesas; Crepería Sebastian, de crepes; Baden Baden, de salchichas; Capitán Samosa, de samosas, e Croquetas D”.