A carabela Vera Cruz pode visitarse este fin de semana en Vilagarcia




O Concello de Vilagarcía e a Autoridade Portuaria reciben este sábado á frota lusa que participa na travesía "Caminho Marítimo de Santiago en Portugal", unha iniciativa que recrea ao longo de toda a costa lusa a viaxe que, segundo a tradición, seguiron os restos do Apóstolo Santiago dende Terra Santa ata Compostela.

Noventa persoas compoñen a tripulación das vinte embarcacións que integran a expedición. Todas elas serán recibidas polo concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, e a directora da rada, Begoña Mesejo, no acto de benvida.

Esta travesía do "Caminho Marítimo de Santiago en Portugal" conta co atractivo da participación da carabela Vera Cruz, unha réplica dunha embarcación similar que navegou polo Atlántico na época dos Descubrimentos, alá polos séculos XV e XVI. Esta fermosa nave de vela poderá ser visitada polos vilagarciáns que se acheguen á dársena 2 do porto de Vilagarcía este sábado pola tarde e o domingo pola mañá.

O "Caminho Marítimo de Santiago en Portugal" está organizado por Upstream–Valorizaçao do Territorio e Forum Oceano, co obxectivo de dinamizar e poñer en valor os Camiños de Santiago ancestrais. A travesía, de 17 días de duración e un percorrido de 500 millas náuticas, partiu de Vila Real de Santo Antonio e, tras nove escalas intermedias, finaliza mañá en Vilagarcía, a onde está previsto que arribe a partir das 15 horas.

Ademais de enmarcar este acto na promoción turística que está a facer o Concello de Vilagarcía como Orixe de Todos os Camiños, a expedición lusa arriba á cidade, que tamén é Mar de Compostela, co obxectivo de realizar o último traxecto da peregrinación a pé dende Padrón ata Santiago. Iso será o luns, despois de pasar na capital arousá as xornadas do sábado e o domingo.

Nesta promoción turística tamén colabora a Autoridade Portuaria de Vilagarcía que, en calidade de Porto Xacobeo, apoia a promoción das peregrinacións marítimas a Compostela e que, de xeito máis amplo, busca fortalecer a histórica vinculación de Vilagarcía e o seu porto con Santiago.