Inaugurado o Hotel Attica 21 en Samil


O Hotel Attica 21 de Samil xa é unha realidade. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu á inauguración este mércores para apoiar ao grupo construtor do novo edificio “pola súa profesionalidade á hora de construír en harmonía coa paisaxe” e aos novos traballadores e traballadoras do complexo hoteleiro “pola súa ilusión no proxecto”.

Para Caballero a actuación “facía falta” e cualificou a zona de Samil como a “xoia da coroa” que agora conta con 157 habitacións “nun hotel extraordinario, viable arquitectonicamente e cun nivel altísimo de calidade”.

O rexedor expuxo na presentación que “Vigo está a converterse nun destino turístico dos máis importantes de España e Europa”: “Emerxemos como unha gran potencia. Estamos en cheos totais e somos un destino dos máis buscados nas redes para fines de semana, e non falemos do Nadal, con dous meses de gran actividade no sector hoteleiro e hostaleiro”, declarou ante os asistentes ao acto.

Tamén manifestou a importancia de que o hotel sexa concibido como espazo para congresistas: “Ides na dinámica do que sucede en Vigo. Agora temos grandes congresos nacionais que enchen as prazas hoteleiras da cidade”, explicou.

“Temos tanta ilusión como vós. Este proxecto é compartido por toda a cidade”, concluíu na súa intervención.

Attica 21 está nun enclave privilexiado, na praia de Samil, frente as Illas Cíes. Entes os servizos dos que dispón, con catro estrelas, están a piscina exterior con pool bar, un restaurante con terraza panorámica, zona fitness e Spa.