Inaugurado o Centro da Minaría Aurífera de Ribas de Sil


A deputada de Réxime Interior da Deputación de Lugo, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na inauguración do novo Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana de Ribas de Sil xunto ao Alcalde do municipio, Miguel Ángel Sotuela. García Porto valorou a posta en marcha deste novo proxecto turístico e cultural que “aumenta os recursos para difundir e poñer en valor o noso rico e diverso patrimonio, material e inmaterial”.

A corporación provincial impulsou a posta en marcha deste novo centro, integrado no cámping da localidade, cunha achega de máis de 90.000€ para a construción do complexo. “Este conxunto é unha proposta diferente que permite impulsar un turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que dinamiza a economía e o emprego, sobre todo no rural”, indicou a Deputada.

García Porto subliñou que este é precisamente “o modelo de turismo que impulsamos dende a Deputación de Lugo ben directamente, con iniciativas moi diversas, como son as viaxes gratuítas do programa Coñece a túa provincia, as propostas de turismo deportivo e de aventura do programa Actívate, as rutas da Transrománica ou a gastronomía do Saborea a túa provincia, ou ben a través da colaboración cos concellos e co tecido asociativo e empresarial da provincia”.

Nesa cooperación coas entidades locais énmarcase “a achega económica que facemos dende a Deputación para implementar o Plan de Sostibilidade Turística que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo concedeu ó Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. Unha aportación grazas á que os concellos verán minorada a aportación que deberán facer a este plan”.

O Museo Xeolóxico de Ribas de Sil converterase nun referente de xeoloxía mineira neste territorio recoñecido como Xeoparque Mundial Montañas do Courel, e ven a sumarse ás propostas museísticas dos concellos de Folgoso do Courel e Quiroga. O centro, ata a súa adxudicación, estará xestionado por persoal do Concello. A inauguración coincidiu coa celebración da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite que se celebra esta fin de semana na localidade.