Impulso ao uso turístico das baterías de costa da comarca ferrolana


Os concellos de Ferrol, Ares e Valdoviño recuperarán, baixo o liderado da Deputación, as súas baterías de costa. O alcalde Ferrolán, Ángel Mato; o presidente provincial, Valentín González Formoso; o rexedor de Ares, Julio Iglesias, e o de Valdoviño, Alberto González, mantiveron este mércores unha reunión no pazo municipal na que tamén participaron a deputada provincial e concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas; o edil de Urbanismo, Julián Reina; a concelleira de patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, e técnicos da Deputación. O encontro serviu para pór en marcha a recuperación das baterías de costa situadas nos tres municipios, a maior parte das cales se atopan en territorio ferrolán, co dobre obxectivo de poñer en valor un patrimonio tan importante e aproveitalo como recurso turístico.

O primeiro paso será traballar co Ministerio de Defensa sobre a titularidade das instalacións co fin de poder definir o ámbito e o alcance do proxecto, xa que gran parte dos terreos pertencen neste momento ao Estado. En paralelo á negociación dun marco de colaboración, vaise encargar o deseño dun plan director que tanto rexedores coma presidente provincial coincidiron en cualificar de “ambicioso”.

A intención é que o primeiro paso se dea coa rehabilitación de Monte Ventoso (Ferrol), A Bailadora (Ares) e Campelo Alto (Valdoviño), pero a intención é que o proxecto teña continuidade despois con instalacións tan representativas como as de Prior, entre outras.

Na xuntanza, houbo consenso en que o futuro centro de xestión situarase en Ferrol. Tamén se acordou explorar vías de financiamento que lle dean soporte aos investimentos que se poidan facer dende as institucións provincial e locais, como pode ser a captación de fondos a través dos programas do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Ángel Mato mostrou a súa satisfacción por poder impulsar baixo o liderado da Deputación “unha experiencia turística nova”, vinculada ao patrimonio “e á divulgación do que era o noso sistema defensivo”. O alcalde lembrou que o Concello leva moito tempo traballando nunha candidatura a patrimonio mundial centrada no porto, arredor do que se explica todo o sistema de defensas costeiras, que permaneceu en funcionamento ata as derradeiras décadas do século pasado.


González Formoso explicou que a primeira medida que se acordou foi “falar coa Secretaría de Estado de Defensa a través do alcalde de Ferrol para que se cree un equipo inmediato de necogiación de cesión da titularidade e aclaración da titularidade dos elementos patrimoniais que se queren rehabilitar”. A Deputación farase cargo tanto dos proxectos de rehabilitación como da elaboración do plan director, aclarou. O obxectivo final é poñer as baterías “ao nivel de Normandía, Scapa Flow ou o norte de Alemaña”, asegurou.  


Julio Iglesias e Alberto González agradeceron, pola súa banda, a implicación da Deputación Provincial nun proxecto “fundamental dende o punto de vista social, paisaxístico e cultural”.