Formoso pon en valor o novo modelo de Camiño como polo de riqueza




O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou durante quinta edición da Primavera no Camiño Inglés, celebrada na alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso), a importancia "do novo modelo de camiño" como polo de atracción turístico e de impulso da economía na provincia.

"Levamos tempo traballando para construír un novo modelo do Camiño, apostando por un turismo seguro, sustentable, e accesible, que faga da provincia da Coruña un destino atractivo para os turistas, tanto a nivel nacional como internacional. Un modelo que tamén apoie a reactivación económica, e máis tras os anos de pandemia, que fixo estragos na economía do país" apuntou Formoso, que estivo acompañado do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás; da directora de turismo de Galicia, Nava Castro; do alcalde de Oroso, Luís Villaverde; e do alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso e de numerosos alcaldes dos 18 concellos coruñeses polos que discorre este itinerario xacobeo.

O presidente provincial asegurou que "o Camiño é unha fonte de riqueza importante para algúns municipios, así que temos que aproveitalo e sacarlle o máximo partido" e destacou que as iniciativas postas en marcha pola Deputación e as da Asociación de Concellos do Camiño Inglés tamén inciden directamente na creación de emprego. "Non só conseguimos melloras no desenvolvemento económico dos municipios, non só conseguimos unha maior comodidade e facilidade para os peregrinos e peregrinas, senón que tamén contribuímos a unha maior creación de emprego", sentenciou.

Unha aposta que inclúe melloras na seguridade e accesibilidade do Camiño, como a sinalización da ruta con puntos QR, que achegan información de interese aos peregrinos e peregrinas ou a recuperación das fontes de auga potable a través do Proxecto  Life Water Way.

O máximo responsable da Deputación tamén lembrou as campañas de promoción no Reino Unido, onde se realizou xa a sinalización dos dous primeiros tramos do Camiño Inglés desde o seu inicio na Abadía de Finchale, preto de Escocia. "O último proxecto consistiu nunha creación dunha guía do Camiño Inglés escrita en italiano, que presentamos en Roma, co obxectivo de promocionar o itinerario nese mercado. Todas estas melloras, e outras moitas, que levamos facendo desde hai anos fan que Camiño inglés sexa una aposta segura, divertida, sostible e chea de experiencias positivas para todos aqueles que o desfruten", salientou o presidente provincial.

Máis de 3.000 persoas tomaron parte na iniciativa organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés.