Ferrol Patrimonio Mundial xa suma máis de 5.000 apoios


O Concello de Ferrol continúa cos labores de divulgación da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, que leva por título ‘Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración’. O pasado fin de semana comezaba no Cantón a campaña de sensibilización ‘¿Contamos Contigo?’, un proxecto que busca implicar á cidadanía en xeral na promoción da candidatura a través da fabricación de ao menos 30.000 barcos de papel reciclado biodegradable que unha vez reunidos en urnas formarán parte dunha exposición para posteriormente, tras o verán, ser botados ao mar desde un lugar singular da propia candidatura.ç

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, visitou o sábado o posto no que se proporcionaba material para realizar os barcos acompañada polas personaxes Carlos III, o Marqués da Ensenada e Jorge Juan, sempre presentes nas campañas de divulgación da candidatura. Ademais de na rúa, o Concello de Ferrol levou o proxecto ‘¿Contamos Contigo?’ a asociacións e a todos os colexios da cidade, que xa comezaron a fabricar os barcos nas aulas. A proposta ferrolá “precisa do respaldo social e da complicidade cidadá en todos os sentidos, polo que estamos a traballar para conseguir o apoio real e efectivo da sociedade para reforzar, enriquecer e xerar valor á candidatura”, apuntou Martínez Montero. “Tamén dos máis pequenos, queremos que eles coñezan a inmensa riqueza que ten a cidade na que estudan”.

O inicio deste proxecto a pasada fin de semana e a implicación dos colexios e as familias dos pequenos “contribuíron ao aumento das adhesións”, que poden realizarse na web https://ferrolpatrimoniomundial.gal/adhesions/. Ferrol tamén estivo presente o pasado domingo na V edición de Primavera no Camiño Inglés, en Oroso, onde lográronse máis apoios á candidatura. Na actualidade suman xa preto de 5.030.