Ferrol axudará con 150.000 € a recuperar a hostalería e mercados


O Concello de Ferrol vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases reguladoras específicas para a subvención de actividades de reactivación e promoción económica para o ano 2022. Pode consultarse toda a información no Taboleiro de Anuncios do Concello, no enlace https://cutt.ly/CJAKoXy.

O obxectivo é contribuír á dinamización da cidade e da economía local a través de actividades e iniciativas dirixidas á reactivación e promoción económica dos sectores do comercio, hostalería e mercados.

A subvención suma unha cantidade total de 135.000 euros. O importe máximo por entidade é de 15.000 euros e pode solicitarse ata o 80% do orzamento de gastos subvencionables.

Ofrécense dúas liñas de axudas. A primeira para actividades de dinamización da oferta comercial, hostaleira e dos mercados destinadas á promoción do comercio local fronte ás grandes superficies, á recuperación do sector hostaleiro así como de apoio á revitalización dos mercados municipais como referente do comercio de proximidade.

Pola súa banda, a segunda liña está dirixida a iniciativas para o fomento do emprendemento na cidade de Ferrol. Polo tanto, poderán concorrer a esta convocatoria todas aquelas asociacións, sen ánimo de lucro, relacionadas co comercio, coa hostalería, cos mercados de Ferrol e coas asociacións empresariais con ámbito de actuación no Concello de Ferrol que cumpran os requisitos da convocatoria.

Tras a publicación, o prazo para presentar as solicitudes abrirá ao día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP, que se prevé para os próximos días.