Encontro lusogalaico de festivais audiovisuais


Sumar sinerxías, rachar fronteiras e unir o potencial do talento audiovisual de ambos lados do Miño para apostar por iniciativas comúns que permitan avanzar na súa internacionalización. Baixo estes obxectivos arroncou o venres e segue este sábado no Pazo Provincial vestido de glamour o I Encontro Luso-Galaico de Festivais promovido pola Deputación e a coordinadora Proxecta, na que unha vintena de representantes de institucións, de festivais e de centros de formación están a poñer sobre a mesa as potencialidades dun sector co fin, como destacou Carmela Silva, de buscar “accións en común, traballar xuntos e crear redes que permitan proxectar toda esta enorme calidade dos festivais de cinema”. A presidenta abriu o encontro xunto a Manuel Pena, da directiva de Proxecta, e destacou que estes eventos audiovisuais do sur de Galicia e o norte de Portugal “posiciónannos no mundo e teñen unha enorme potencialidade”.

Carmela Silva puxo en valor os Rías Baixas Film Fest, a marca provincial que aglutina a 8 festivais de todas as comarcas, “que permiten ter nestas vilas cinema de calidade e que todas as persoas teñan acceso ao audiovisual, pero amais dinamizan o territorio “e crean un espazo onde crecer en comunidade e construír ben común”. Neste senso, felicitou ás e aos promotores afirmando que hoxe estes festivais “teñen un gran poderío e son unha grandísima referencia” e destacou así mesmo a aposta que neste sector ten o norte de Portugal, “de xeito que temos que ter a intelixencia de sumar sinerxías e traballar xuntos en proxectos que nos fagan máis grandes e nos permitan ter unha maior posición alén do noso territorio. É posible, só hai que ter paixón, vontade e convicción de que estamos a construír algo marabilloso”.

Pola súa banda, Manuel Pena, director do FICBueu e directivo de Proxecta, destacou a aposta da Deputación pola escoita ao audiovisual, cun traballo conxunto que derivou na creación da marca Rías Baixas Film Fest, para unir e proxectar no exterior estes eventos e tamén para ser “unha ferramenta de mellora, tanto para os festivais como para as e os axentes implicados”, obxectivo co que nacen estas xornadas, “que esperamos prolongar nos vindeiros anos”. Avogou tamén por esta aposta pola conexión co norte de Portugal e porque esta cita sirva para sumar sinerxías “e nos axude a crecer a todos”. Neste senso, apuntou que o encontro servirá “para aproveitar cousas de todos e poñer a nosa metodoloxía en común, para construír algo conxunto e afondar nas liñas de traballo para vindeiros anos”.

Tanto Carmela Silva como Manuel Pena participaron tamén na mesa “Unha terra de cinema. Os Rías Baixas Film Fest” xunto a Miriam Álvarez, subdirectora do Galician Freaky Film Fest e Teresa Berberena, codirectora do Festival de Cinema Inclusivo de Vigo, e moderada pola xornalista Belén López, na que destacaron o especial momento que viven este ano os festivais tras dous anos de pandemia. Ao seu favor, a súa diversificación, a súa unión, o valor que aportan ao territorio e “o seu presente extraordinario”, como subliñou Carmela Silva, quen tamén apuntou a necesidade de que as administracións, desde as locais ata a estatal, pasando pola Comunidade Autónoma, doten de recursos a estes eventos “para facer que a cultura se fortaleza, porque teñen que entender que estamos construíndo país”. Tamén falou a prol de acadar “normativas que apoien o mecenado” para conseguir maior respaldo do sector privado. “Deste encontro xa sae unha idea potente, que teñamos a capacidade de conseguir que os nosos 8 festivais se entendan como un gran festival de nivel A, aínda que estou segura de que todos son nivel A”, destacou. “Creo que estamos aprendendo camiñando xuntas e xuntos –engadiu-. Isto é o inicio de algo que ten que ir fortalecéndose con mais recursos e traballando de forma colaborativa, democratizando o acceso ao cinema nos pobos máis pequenos. Ese e o modelo, pasar da palabrería de loitar contra a España baleirada e pasar á España chea de contido cultural”.


Os retos dos Rías Baixas Film Fest pasan, entre outras cuestións, polo financiamento e, a este respecto, a presidenta provincial tamén reclamou un cambio a nivel lexislativo que permita facilitar o apoio á cultura, “con modelos máis flexibles”. “Hai que modificar estas normas –dixo- que non están pensadas para o mundo da cultura, senón para facer outro tipo de contratos”. E respecto ao seu crecemento, Carmela Silva avogou polo “equilibrio”. “Os Film Fest son un modelo único e os oito festivais con absolutamente necesarios. Hai que apostar porque se manteñan e profundar en que se convertan nunha marca internacional para posicionarnos aínda máis como provincia”.


Miriam P. Álvarez destacou a relación da Deputación cos festivais, na que “todo son facilidades”. Tamén se referiu ao feito de “que cada festival estea especializado nunha temática enriquece, potencia e dálle máis valor á provincia”. Ademais, as redes de conexión que nacen entre eles fan que “cada vez haxa máis calidade porque hai xente que xa leva anos e son referencia para festivais os máis pequenos”. Manuel Pena afirmou que “ter oito festivais na provincia fainos máis ricos e diversos” e lembrou que “un festival non pode sobrevivir sen a súa comunidade por iso é importante sementar e buscar sinerxías” coas persoas dos concellos nos que se organizan. Tamén se referiu ás plataformas de contidos: “Non desbotamos o dixital, pero temos unha aposta moi clara polo formato presencial. A esencia dun festival de cinema é o encontro da xente coas e cos cineastas” algo que non se podería dar en macrofestivais. Neste senso, Teresa Berberena afirmou que “a aposta por festivais especializados é o mellor. Non estamos competindo, somos unha rede territorial”. E fixo un chamamento ás empresas para financiar encontros audiovisuais, como se fai noutras partes do Estado. Por último, referiuse ás plataformas online como “unha solución fantástica ante a piratería que acaba revertendo nas e nos creadores”.

A outra das mesas centrouse nas “Administración públicas e desenvolvemento dos festivais”. Nela María del Carmen Ribero, do Concello do Porriño, falou do “milagre” do Festival de Cans, do seu “enorme impacto económico e social” e da busca de sinerxías entre este encontro e as administracións públicas. Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación, referiuse á marca Rías Baixas Film Fest e lembrou que “as administración temos que ter unha maior corresponsabilidade porque somos fundamentais para manter este tecido, que é tan rico e está en eclosión”. Daniel Maciel, director executivo da Asociación Ao Norte, falou do modelo portugués no que e os fondos públicos chegan principalmente da administración local, que é a que está “en primeira liña de apoio á cultura”. O debate estivo dinamizado por Gonzalo Veloso, director do festival Intersección

Este sábado celebrase o encontro “A diversidade editorial”, moderado por Severiano Casalderrey, subdirector do FICBueu e no que participarán Darío Oliveira, director do Porto/Pos/DocFilm & Media Festival; Nuno Rodrigues, director do Curtas Vila do Conde; Alfonso Pato, director do Festival de Cans; Johnny Marques, coordinador da Comisión Artística e de Programación de CINANIMA (Festival Internacional de Cinema de Animação de Espinho) e Ana Gondad, directora de programación do Festival Primavera do Cine en Vigo. E, posteriormente, será o director do Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, Ángel Sala, quen clausurará o simposio coa charla “Expediente Sitges”, moderada por Luis M. Rosales, director do Curtas de Vilagarcía.