Eloxios de Quintana pola adaptación do sector pesqueiro aos hábitos de consumo


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou este mércores na inauguración do 22º Congreso Aecoc dos produtos do mar onde destacou a competitividade e a capacidade de adaptación do sector pesqueiro ante os retos actuais como o cambio no comportamento e hábitos de compra dos consumidores.

“Estamos ante un consumidor que transformou as súas prioridades e hábitos, polo que é máis reflexivo e comprometido e aposta cada vez máis polo produto local”, explicou a titular de Mar. Neste sentido, sinalou o incremento que se está a dar das compras en tendas de proximidade e que o sector do mar aporta esa confianza necesaria ao ofrecer un produto sostible e respectuoso coa contorna na que se produciu, responsable, xerador de emprego e de calidade, fresco e natural.

Rosa Quintana puxo en valor algúns dos proxectos fundamentais que facilitan esa capacidade de adaptación e valorización da cadea mar-industria, como o programa Primare Lonxas 4.0, baseado na dixitalización do sistema de comercialización das lonxas galegas.

A el engadiu a implantación dos terminais Ticpesc, en activo as 24 horas os 365 días do ano para facilitar ao sector a realización do seu propio control documental. Tamén mencionou a marca pescadeRías, de onde se non? -coa que se garante ao consumidor que o produto elixido procede da pesca artesanal- á que se suma a etiqueta Pescaenverde, que acredita a baixa pegada de carbono na produción da proteína mariña. Son algunhas das ferramentas que, tal e como explicou a conselleira, avalan a competitividade do sector e a calidade dos peixes e mariscos das rías galegas.

A Xunta de Galicia busca mellorar a través destes proxectos a eficiencia das transaccións comerciais, os procesos de cumprimento e o desenvolvemento de modelos comerciais inclusivos, apostando polo produto local nunha economía globalizada. “Seguiremos a traballar para que o sector sexa máis competitivo, confiable e atendendo aos principios da economía circular, co obxectivo de facer unha cadea mar-industria máis responsable, segura e sostible”, apuntou Rosa Quintana.