Carmela Silva anima a acudir a Rapa das Bestas de Sabucedo "máis potente"




A Rapa das Bestas 2022 será “a edición máis potente desta festa internacional”. Así o manifestou este martes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación deste acontecemento coñecido en todo o mundo, que terá lugar este ano desde o 30 de xuño ao 4 de xullo.

“A xente está desexando ir a Sabucedo e ten moita máis conciencia da importancia destas festas que falan das nosas tradicións, de recuperar a nosa relación humana coa natureza, dos sorrisos, os abrazos, as comidas xuntas e xuntos, a música, o baile e as exposicións”, salientou a responsable provincial na presentación da festa celebrada no Pazo Provincial, na que estivo acompañada da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, do tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla, e Silvia Magariños, Manuel Cabada e Iván Sanmartín, representantes da Asociación da Rapa das Bestas.

A presidenta fixo un recoñecemento ao traballo da asociación. “Non existiría esta tradición milenaria que nos identifica, nin teríamos un rural con vida, sen o enorme esforzo que fan coa vontade de manter esta festa tan fermosa que é nosa e de toda Europa”, remarcou.

 Ademais, Carmela Silva resaltou a orixinalidade da camiseta da Rapa deseñada pola firma Rei Zentolo e animou a todos e todas as visitantes a adquirila. “Que todo o mundo a merque. Deste xeito apoiamos á asociación e presumimos da xente de aquí, dunha empresa galega, creativa e con moito talento”, destacou. Ademais a presidenta cualificou o vídeo proxectado na presentación e elaborado por unha produtora americana sobre a festa de “extraordinario, porque chega ás emocións e fala do importante: do medio ambiente, das persoas, do coidado, o rural, os montes, o respecto aos animais e a nosa historia”.

Carmela Silva mostrouse convencida do éxito desta edición da Rapa, un acontecemento declarado Festa de Interese Turístico Internacional, e reafirmou o apoio da Administración provincial con esta tradición. “As Administracións debemos ter un compromiso cada vez maior”, expuxo, para lembrar que unha das accións do Plan de Sostibilidade da institución para as comarcas de Deza e Tabeirós – Terra de Montes está centrada na Rapa.

Ademais, a responsable provincial reivindicou a necesidade de que todas as galegas e galegos apoien a festa. “Que vaian a Sabucedo, consuman, compren entradas, merchandising... porque estaremos apoiando unha festa que o merece”, anotou, para dar finalmente as grazas á asociación e aos veciños e veciñas da aldea. “Estou orgullosa de xente tan comprometida coas tradicións e a historia da provincia”, agregou.