O alcalde olívico, Abel Caballero, destacou este mércores o “extraordinario” momento que vive o sector turístico da cidade e asegurou que “Vigo ten o proxecto de turismo emerxente máis importante de toda Europa”.
Caballero inaugurou o Foro de Turismo organizado por Faro de Vigo e Segittur que abordou temas como a dixitalización e a competitividade das pemes turísticas; as axudas Next Generation para a dixitalización do sector turístico e as iniciativas de impulso á dixitalización na provincia de Pontevedra.
O rexedor indicou que Vigo logrou exceder a cidades españolas moi notables turisticamente pero, advertiu, “aínda estamos a emerxer¸non alcanzamos o nivel que buscamos”.
Apuntou, ademais, que “somos un dos principais destinos turísticos de fin de semana, alcanzando moitos deles niveis de ocupación de case o 100%”.
O alcalde destacou o proxecto Illas Cíes Patrimonio da Humanidade como outra das patas turísticas de Vigo. “A pesar da cambadela que nos fixo a Xunta, as nosas illas son un enorme foco de atracción e seguiremos apostando polas visitas limitadas para gozalas á vez que as protexemos”.
Caballero agradeceu ao Goberno de España o seu apoio nas iniciativas turísticas da cidade e relatou os próximos proxectos nos que están a traballar como o miradoiro do Concello, “co que lograremos que sexa un lugar de encontro para os cidadáns”; o edificio na Praza da Concatedral, que se destinará á atención turística e a un centro de gastronomía; ou o proxecto do Vigo Vertical, que permite conectar todo o centro da cidade.
Por último, Caballero lembrou que a marca Vigo conseguiu situarse entre as cinco máis importantes de España, xunto con Madrid, Barcelona, Valencia e Bilbao.