Balseiros louva a Aula de Produtos Lácteos da USC en favor da mellora da industria


O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou este mércores as instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde louvou o seu traballo a prol da mellora da industria alimentaria en liña coa aposta pola formación e investigación que contempla a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego.

En concreto, esta Aula da USC persegue potenciar a industria láctea mediante a xeración de novo coñecemento a través de liñas propias de I+D+I, prestación de servizos tecnolóxicos, desenvolvemento e mellora de produtos, formación, asesoramento técnico ou apoio a novas iniciativas empresariais.

Nese senso, o director xeral recordou que a Estratexia sectorial da Xunta recolle unha serie de medidas para responder ás necesidades dos gandeiros e industrias, fortalecendo as estruturas de formación, investigación e innovación da nosa comunidade, así como a tecnoloxía a disposición do sector, para impulsar todos os elos da cadea de valor do leite mediante a xeración de valor engadido que nos consolide como potencia produtiva.

A visita de José Balseiros á Aula de Produtos Lácteos coincide coa celebración do Día mundial do leite, data proclamada pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, co obxectivo de tratar cuestións relacionadas co sector leiteiro e para incentivar o consumo de leite.