Ata 125.000 persoas acudiron o San Xoán da Coruña


A noite de San Xoán, a primeira sen restricións despois da pandemia, rexistrou unha afluencia masiva de persoas aos areais e os barrios e rematou cun menor número de incidentes que no 2019. Segundo estimacións da Policía Local, nas praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, e tamén no paseo marítimo, xuntáronse, nos momentos de maior afluencia, ata 125.000 persoas, cifra a que hai que sumar outras 80.000 persoas nos distintos barrios. Os concertos de Miss Caffeina e Los Mecánicos contribuíron a aumentar a participación nas celebracións.

Malia a grande concentración de persoas, o número de asistencias do dispositivo de emerxencias diminuíu nun 17% con respecto ao ano 2019. En total, os servizos de seguridade realizaron 124 asistencias, das que 19 foron por feridas e laceracións, 15 por traumatismos, 22 por queimaduras e 26 por intoxicacións etílicas. Houbo 18 traslados a centros médicos, ningún deles por causas graves.

Durante a noite procedeuse a detención de catro persoas: dúas por atentando á autoridade e outras dúas por presuntos casos de violencia machista. San Xoán estreou na cidade os Puntos Violeta, tres espazos de atención contra a violencia de xénero polos que onte pasaron esencialmente a informarse 674 persoas. Houbo dúas denuncias por violencia sexual sen agresión física.

Neste sentido, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu o traballo realizado polas máis de 600 persoas que participaron no dispositivo de seguridade despregado na cidade durante toda a noite.

Por outra banda, a concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, abordou esta mañá o balance provisional da recollida de residuos tras o San Xoán, "coa previsión de que os resultados sexan moito máis positivos que no ano 2019, antes da pandemia".

Ademais, Esther Fontán amosou o seu agradecemento á cidadanía, "polo respecto amosado ás praias e zonas verdes, espazos que temos que coidar e son patrimonio de todos, así como nos barrios, onde se celebrou un San Xoán como nunca e o bo comportamento da xente facilitou moito o traballo que están levando a cabo hoxe os operativos de limpeza".