As rexións europeas debaten sobre seguridade alimentaria no contexto de guerra


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou este xoves a terceira reunión do ano da Comisión de Recursos Naturais do Comité Europeo das Rexións, que nesta ocasión se celebra de forma excepcional en Santiago de Compostela. Esta é a segunda vez que Galicia acolle unha reunión externa deste órgano comunitario.

Como anfitrión da reunión, Jesús Gamallo deu a benvida aos máis de 70 representantes locais e rexionais presentes, entre os que se atopan os presidentes doutras rexións europeas como A Puglia (Italia), Kuyavia-Pomerania (Polonia) ou Bretaña (Francia). Gamallo animou aos asistentes a coñecer Galicia neste Xacobeo 21-22 e a descubrir in situ o modelo de turismo desenvolto en torno ao Camiño de Santiago e que será obxecto mañá dunha conferencia específica.

A comisión centrou o seu traballo na preparación dun ditame de opinión sobre a actual revisión do sistema de indicacións xeográficas protexidas e de dous ditames de propia iniciativa sobre como lograr unha agricultura con baixas emisións de carbono e sobre como garantir a seguridade alimentaria e reforzar a resiliencia do sistema alimentario da UE. Estes ditames representarán a opinión das rexións e municipios europeos no debate actual derivado do conflito en Ucraína e o seu impacto no mercado agroalimentario.

O director xeral expresou que “Galicia quere renovar con esta importante reunión do Comité Europeo das Rexions fóra da sua sede habitual de Bruxelas, o seu compromiso cunha Europa forte, que sexa quen ofreza resposta aos retos derivados da crise pospandemia, das consecuencias da guerra en Ucraína ou do cambio climático”. Asimesmo, sinalou que “estamos perfectamente alineados coas grandes prioridades definidas pola Comisión Europea en favor dunha transición verde, xusta, da dixitalizacion e do cambio demográfico “.

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A través deste órgano, as rexións e cidades participan formalmente na elaboración da lexislación da UE, garantindo o respecto da posición e as necesidades dos entes rexionais e locais. Está formado por 329 membros dos 27 Estados Membros. Galicia ten liderado 11 ditames dentro desta asemblea.

A comisión de recursos naturais é unha das seis de carácter temático do CdR. En concreto, encárgase de temas como a Política Agrícola Común, o desenvolvemento rural, a silvicultura, a produción alimentaria, a política pesqueira común ou a política de asuntos marítimos, entre outras atribucións, dentro do Comité Europeo das Rexións.