As carnes galegas de vacún con indicativo de calidade amosan músculo en Salimat


A IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega / Boi Galego tiveron unha participación destacada e activa np Salón de Alimentación do Atlántico, que remata hoxe en Silleda. Ambas Indicacións Xeográficas Protexidas ofreceron varias masterclass nas xornadas do xoves, venres e sábado, coas carnes certificadas de Ternera Gallega Suprema e Boi Galego Selección como protagonistas.

A calidade excepcional e o gran sabor destas carnes, de categoría premium, exhíbeuse a través de diferentes pezas e propostas gastronómicas da man dos chefs Criselda Iglesias, da Taparía Lecer de Cangas, e Xosé Manuel Mallón, do Espazo Gastronómico Remollo. Estas demostracións culinarias puxeron en valor os cortes singulares do vacún, como a tapa da pa (llana) ou a bavette, ademais doutros máis coñecidos, como o xarrete ou a croca.

Pezas, todas elas, moi versátiles na cociña, elaboradas en receitas modernas, como en tataky ou carpaccio, sen esquecer os pratos de sempre: a carne ao caldeiro ou sinxelamente á grella, para realzar o seu sabor e moleza sen aderezos.