Arranca coa entrada das lexións o Arde Lucus máis agardado da historia


Este xoves, ás 20:30 horas as lexións romanas ao mando do xeneral Caio Antistio El Viejo entraron en Lugo para tomar a cidade. Foi o inicio da vixésimo primeira edición do Arde Lucus, a máis agardada de toda a súa historia, logo de dous anos de restricións sanitarias. A cita recupera o seu máximo esplendor ao longo de catro días, con máis de 100 actividades diarias de animación na rúa, entre as que destaca un espectáculo de realidade aumentada na Mosqueira inédito en Galicia e en España.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convidou a toda a cidadanía “a sair á rúa caracterizados para vivir a experiencia de recreación do noso pasado dunha maneira espectacular, dende a convivencia e o respecto, pero disfrutando ao máximo do Arde Lucus, nun ano moi importante porque estamos a traballar para acadar o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional”.

“Sen dúbida, o plus diferencial desta cita respecto a outras é a implicación social, polo tanto, invito a todo o mundo, a veciños e visitantes, a que se caractericen, e que nos axuden a conseguir este distintivo porque será un éxito de todos, empezando polas 19 asociacións, que fan un traballo imprescindible e extraordinario, e que son as grandes artífices de que teñamos durante 21 anos esta festa no top de citas culturais do país”, subliñou.

Así mesmo, a rexedora animou a toda a veciñanza a participar no espectáculo de realidade aumentada que acollerá a Mosqueira “que nos permitirá facer unha viaxe 2.000 anos atrás e mergullirnos na época de esplendor de Lugo no século I, podendo disfrutar de varias escenas nas que se recreará o momento de construción da muralla, loitas de castrexos e romanos, as bigas e cuádrigas paseando polo ardarve, ou mesmo unha aguia imperial que voará por encima dos visitantes”.

A primeira proxección deste espectáculo poderá contemplarse este venre entre as 17:00 horas e a 01:00. Mentres que o sábado e o domingo estará dispoñible dende as 11:00 e ata a 01:00.

A rexedora tamén lembrou outra das actividades estrela como son os concertos de balde, na praza de Santa María de Saor Patrol, o sábado 11 de xuño, e das Tanxugueiras, o domingo 12, que suporá o broche de ouro a unha edición histórica. Así mesmo, a Capela do Carme, acollerá por vez primeira unha obra de teatro, “O rato da biblioteca”, na que participarán todas as asociacións de teatro de Lugo.

Ao longo de tódolos días haberá un sen fin de actividades que farán revivir o pasado romano da cidade, levando a lucenses e visitantes séculos atrás ata o que era a antiga Lucus Augusti. Unha das grandes citas terá lugar, o sábado co Circvs Romano na Explanada do Pavillón Municipal. Solo se poderá acudir con entrada, en venta a través da páxina web: www.entradaslugo.es. Tamén, como prato forte, está incluído na programación o desfile de colexios, no que participaran preto de 3.000 nenos e nenas da cidade, de 19 colexios e as ANPAS. Así mesmo, A carreira Mvrvs Lvcis voltará a retar a romanos e castrexos polo adarve da Muralla, podendo inscribirse a través de: www.formulario.xuventudelugo.gal.

No programa xeral do Arde Lucus mantéñense as actividades estrela doutras edicións, como os campamentos, os desfiles, a queima da muralla, a recreación da primeira manifestación feminina, que se celebrou en Roma por parte de mulleres, que terá lugar diante do campamento do Senado, na que reclamarán os seus dereitos; tamén as loitas e pelexas de gran realismo na Praza de San Marcos e Santa María, entre outras. Durante as noites, a cidade contará con animación continuada de rúa, coa presenza de desfiles, gardas romanas, tambores, etc.

O goberno de Lara Méndez, a través da concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, instalará dous puntos violetas nas festas do Arde Lvcvs co obxectivo de previr as agresións sexuais que poidan darse no espazo público durante esta festa de recreación histórica. Nestes puntos violetas, este ano en forma de caravanas moradas, levaranse a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresións sexistas. Estarán situadas nas inmediacións da Praza Horta do Seminario e da Praza Fernando de Casas Novoa.

Así mesmo, o Concello reforzará a presenza policial durante para velar pola seguridade cidadá. “Así -referiu Méndez- reforzaranse os efectivos para vixiar, especialmente, as aglomeracións que poidan xurdir durante os dous grandes concertos previstos -Saor Patrol e Tanxugueiras- pero tamén para garantir o correcto desenvolvemento dos desfiles, dun xeito específico o escolar, en convivencia co tráfico rodado que se manterá nas vías circundantes ao traxecto polo que discorre e co obxectivo de causar as menores afeccións posibles, antepoñendo, en todo momento, a tranquilidade e a protección de lucenses e visitantes".