Apoio aos empresarios de Ribadeo en favor dun destino turístico de calidade


Lograr que Ribadeo siga sendo un destino turístico referente. Ese, entre outros, e o obxectivo do convenio de colaboración firmado entre o concello e a asociación empresarial Acisa que regula a axuda de 16.000 euros que recibe a asociación ribadense para seguir apoiando ao comercio e ao sector servizos, o consumo en clave local e para levar adiante diversas iniciativas.

No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Desenvolvemento Local e Comercio, Pablo Vizoso, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, e o secretario do Concello, José Rodil.

O edil subliñou que "coa sinatura deste convenio amosamos unha vez máis o compromiso do Concello coa actividade asociativa e co sector comercial e de servizos da nosa vila precisamente para que Ribadeo siga sendo un lugar de referencia dun comercio próximo e de calidade e un destino turístico principal".

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, agradeceu a colaboración do Concello de Ribadeo: "grazas á firma deste convenio, poderemos desenvolver diferentes accións de dinamización comercial e hostaleira e de promoción comercial e turística, tras os dous anos difíciles que deixamos atrás por culpa da pandemia do covid. Concello e Acisa seguimos a traballar xuntos, algo que sen dúbida algunha é bo para Ribadeo e é bo para os nosos socios e socias"