A praza de Abastos de Vilagarcía convértese en Mercado Excelente


A praza de Abastos de Vilagarcía convértese en Mercado Excelente de Galicia grazas á concesión do distintivo de calidade que acaba de concederlle a Xunta en recoñecemento da calidade das instalacións do mercado municipal, do servizo que nel se presta e na calidade dos produtos que oferta.

A obtención deste selo foi comunicada este mércores ao alcalde, Alberto Varela, polo vicepresidente da Xunta e conselleiro de Comercio, Francisco Conde, durante á visita que este fixo para coñecer a praza que, nas súas propias palabras, “é un modelo a seguir por outros mercados de Galicia en canto a súa aposta e promoción do comercio de proximidade e a economía circular”.

O rexedor local actuou de guía na visita na que, ademais do vicepresidente da Xunta, participaron o director xeral de Comercio e o delegado territorial da Xunta, xunto coa concelleira de Mercados e o edil de Obras e Servizos, ademais de outros concelleiros da Corporación.

Varela lembrou que a concesión deste selo de excelencia foi posible grazas ao importante proceso de modernización e transformación que sufriu a praza de Abastos de Vilagarcía nos últimos anos, cunha reforma integral na que o Concello investiu máis de 2 millóns de euros en diversas actuacións.”O goberno local sempre tivo claro o potencial e a calidade da nosa praza, pero tamén sabiamos que para seguir mantendo este nivel tiñamos que modernizala e adaptala aos novos tempos e ás novas esixencias da demanda. Neso traballamos nos últimos anos co resultado que estamos vendo”.