A pesar do bo nivel dixital, o sector agroalimentario transfronteirizo ten carencias


A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou que a transformación dixital é unha necesidade real das empresas hoxe en día para incrementar a súa competitividade e adaptarse ás necesidades dos consumidores. Trátase dunha realidade á que non é allea o ámbito primario, como se pon en evidencia nos resultados da diagnose de madurez dixital neste sector presentados este mércores en Santiago de Compostela no marco da xornada Dixitalización e datos no sector primario, organizada pola Axencia Galega de Innovación da Xunta e o hub de innovación dixital DATAlife en colaboración con Big Data Value Association e o Clúster TIC Galicia. Na apertura da xornada participou tamén o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

 Este estudo, realizado por DATAlife coa participación de 170 entidades, serve para coñecer a situación actual do sector agroalimentario en materia de dixitalización, as súas capacidades e retos e permitirá, así, plantexar solucións dixitais orientadas ás necesidades do sector. Esta iniciativa enmárcase no proxecto de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal Hub Iberia Agrotech, no que participan Gain e DATAlife xunto a outros 18 socios españois e portugueses co obxectivo de impulsar un ecosistema plurirrexional centrado na dixitalización do sector agroalimentario.
 

Patricia Argerey apuntou que, aínda que o sector conta cun grao avanzado xa de dixitalización, identificáronse varios factores que dificultan a transformación dixital das empresas galegas do sector primario como o tamaño das empresas -as microempresas atopan maiores dificultades á hora de asumir riscos financeiros asociados á dixitalización-, a introdución de novas tecnoloxías que faciliten a dixitalización dos datos; unha maior formación e coñecemento destas tecnoloxías; demanda de solucións máis individualizadas e maior acceso a financiamento para investir en dixitalización.

 

A directora de Gain lembrou que a dixitalización é unha prioridade tanto para a Administración autonómica como para a Unión Europea e que se teñen posto en marcha diferentes actuacións para impulsar a transformación dixital do tecido empresarial galego, en especial das pemes. En concreto, apuntou o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, que ten como obxectivo achegar ás pemes de sectores tradicionais alonxadas dos núcleos rurais as vantaxes de innovar, e o impulso aos Hubs de Innovación Dixital, como unha plataforma para acompañar ás pemes no seu acceso ás tecnoloxías dixitais. Ademais, destacou a grande oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation xa que preto dun 30% están dirixidos á transformación dixital.

 Precisamente, DATAlife, un dos dous hubs de innovación dixital impulsados pola Xunta de Galicia, ten como misión a introdución de tecnoloxías dixitais en sectores como a biotecnoloxía, a saúde, o medio ambiente e todos os relacionados coa produción primaria: o forestal, a pesca, a agricultura, a gandeiría, a acuicultura, a nutrición, ou a alimentación.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, salientou a importancia da dixitalización e a innovación aplicada aos sectores primarios, na procura da seguridade, do incremento da competitividade e do fomento da calidade como sinais de identidade destes eidos produtivos.

 

Ademais, fixo referencia ao anteproxecto de Lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación, como unha norma adaptada aos cambios experimentados na produción e na comercialización alimentaria, establecendo medidas que buscan incrementar o control e as garantías para consolidar os produtos galegos, avanzando no desenvolvemento local e na creación de emprego. Nesta liña, Cabarcos trasladou que dentro desta norma hai elementos de dixitalización, enfocados a mellorar as garantías das producións do sector primario galego.

 O director explicou ademais en que medida a dixitalización pode axudar a implementar o Pacto Verde Europeo, no sentido de contribuír ao coidado da auga, da terra e do aire, no que atinxe, por exemplo, ao uso e aplicación de fertilizantes e fitosanitarios. Nesta liña, trasladou que tecnoloxías como a sensórica, o internet das cousas, o Big Data ou o sistema informático blockchain poden axudar a acadar estes obxectivos.
 

Cabarcos destacou ademais que a investigación, o desenvolvemento e a innovación son eixos fundamentais do traballo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través dos seus catro centros de formación e mediante as liñas de traballo de grupos operativos e proxectos piloto, como parte dunha aposta xeral da Xunta nestes campos.

 

Posteriormente, a xerente de DATAlife, Lucía Castro Díaz, expuxo os resultados obtidos tras o diagnóstico de madurez dixital e realizouse unha análise destes nunha mesa redonda na que participaron as consultoras Medrar Smart Solutions e Elixe Plus. DATAlife informou de que, dos resultados da diagnose, se pode extraer que o sector primario xa comezou a dixitalización e se atopa a moi bo nivel así como as solucións tecnolóxicas desenvoltas neste ámbito, ademais a oferta tecnolóxica é suficiente. Galicia debe ser o banco de probas para aplicar esta tecnoloxía e despois exportala.

 Así mesmo, dedicouse un espazo para coñecer diversos casos de éxito efectuados por empresas galegas ao redor da dixitalización en tres sectores cunha grande importancia na economía galega: agricultura, lácteo e pesca. Para iso, contouse coa participación de Emilio Estévez, xerente de Coplant; Marcos Ellacuriaga, responsable de proxectos e sustentabilidade en Casa Grande de Xanceda; e Hugo Barreiro, responsable da liña de dixitalización e industria 4.0 en Anfaco-Cecopesca. O evento chegou ao seu fin cunha mesa redonda na que se trataron os datos federados dentro do sector primario. Nela participaron Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, e Jürgen Vangeyte, director científico do Institute for Agricultural and Fisheries Research (ILVO) de Bélxica.