A paisaxe da Ribeira Sacra, protagonista no film 'Live is life'


A deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais da Deputación de Ourense, Patricia Torres, participou en Sober na presentación comercial do filme "Live is Life" (Vivir é Vida), dirixido por Dani de la Torre e que conta co patrocinio da corporación provincial.-

A película rodouse principalmente en localizacións da Ribeira Sacra ourensá, un aspecto que foi destacado na súa intervención pola deputada: "Esta é unha mostra mais de que Ourense é o lugar ideal para gravar filmes, grazas ás súas paisaxes espectaculares".

Así mesmo, recalcou Patricia Torres, para a institución provincial "é un pracer colaborar neste tipo de proxectos, sobre todo nos que participan persoas tan recoñecidas, reafirmando a nosa aposta por converter a provincia nun plató de cine".

"Galicia é unha personaxe mais deste filme, grazas a uns espazos espectaculares e unhas localizacións preciosas", destacou o director da película. "Todo isto non seria posible sen a Deputación de Ourense, á cal agradezo a súa axuda e as facilidades que nos brindaron", engadiu Dani de la Torre.

Este filme que mestura elementos de comedia e drama, está ambientado na Galicia de mediados dos anos 80 e conta a historia dun rapaz que regresa a Galicia coma todos os anos polas vacacións de verán para ver os seus amigos, que tamén veñen de diferentes partes de España. Porén, xorden problemas poñendo en risco a súa amizade. Os rapaces pensan escapar na noite de San Xoán para atopar unha flor máxica e que lles permitirá solucionar eses problemas.

"Live is Life", gravada no 2020, foi unha das primeiras grandes apostas do goberno provincial no eido audiovisual, na que se asociou con Warner -distribuídora- e Atresmedia. De fondo está a liña de traballo desenrolada pola Deputación de Ourense para converter á provincia nun gran plató de cine, e que desembocou este ano coa rodaxe simultánea de catro proxectos na provincia: "La manzana de oro", "O neno e o can", "Honeymoon" e "13 exorcismos".