A Deputación de Lugo apoia a Africor no impulso do sector lácteo




O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou na inauguración das Xornadas Técnicas de Africor Lugo-Vaca Pinta, coas que a institución provincial renovou a súa colaboración económica no ano no que volveron ao formato presencial na Facultade de Veterinaria.

Fernández Rico puxo o acento na calidade dos relatores e o interese que espertan os temas propostos para o debate. “Este ano non é unha excepción, e abórdanse cuestións como o uso responsable de antibióticos, ou a pegada do calor na produción e no benestar dos animais”, concretou, engadindo que “tamén se tratan cuestións vinculadas cos novos medios de monitorización e co uso das tecnoloxías da información, na liña de seguir avanzando na transferencia de coñecemento e na modernización do sector para gañar produtividade, eficiencia e competitividade”.

Aludiu a outra das temáticas relevantes incluídas na programación da xornada, como son as axudas financeiras dispoñibles para os produtores. “Chegan tamén nun momento de dificultade, nun contexto de crise derivado da invasión de Ucraína que está a encarecer os custos de produción, como os pensos, e que se suma ao efecto da suba dos costes da electricidade ou os combustibles fósiles”.

Nese sentido, lembrou, “o pasado 30 de maio os produtores galegos de leite percibiron o primeiro pago das axudas extraordinarias que habilitou o Goberno do Estado dentro do plan de reposta aos efectos da guerra en Ucraína. Galicia é a comunidade máis beneficiada, con 6.434 gandeiros e gandeiras, e un importe superior ós 55M€”, explicou Fernández Rico. E concretou que deses 55M€, case a metade, máis de 25M€, estiveron destinados a 2.835 gandeiros da provincia de Lugo.

“É certo que vivimos tempos de retos moi esixentes, pero iso obríganos a todos a traballar con máis intensidade e dende unha visión global e estratéxica do noso territorio, dende o coñecemento da súa realidade e das súas oportunidades”, algo que, indicou, está demostrando AFRICOR en cada edición destas xornadas, “e polo que dende a Deputación de Lugo lles trasladamos a nosa felicitación e os animamos a seguir adiante”.

O Deputado de Recursos Sostibles deixou patente que as “administracións públicas debemos seguir apostando decididamente polo noso sector primario, que é fundamental a nivel económico, como fonte de riqueza e de emprego, pero tamén como garante da nosa capacidade de abastecemento cando guerras ou pandemias colapsan as rutas de distribución internacional”. Manifestou que “a gandería é tamén imprescindible para garantir o futuro do noso rural, un sector que fixa poboación, que coida o medio ambiente, e que axuda á ordenación do territorio e á prevención dos incendios forestais, ademais de preservar a nosa identidade cultural”.

Explicou que a Deputación de Lugo mantén un firme compromiso co sector primario dende moitas liñas de actuación como é, dixo, o apoio económico á propia celebración destas xornadas de Africor. “Un compromiso co tecido asociativo e produtivo moi amplo, que, sobre todo, desenvolvemos a través do traballo na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, onde temos en marcha o primeiro Centro de Recría público que se puxo en marcha en España, e co que, a día de hoxe, estamos aforrando medio millón de euros ós gandeiros e gandeiras da provincia na recría; e a Granxa Experimental de Leite, un centro de estudo, de formación e de investigación en contacto co tecido produtivo para analizar a súa situación, detectar oportunidades de mellora e atopar solucións aplicables no día a día dos gandeiros e gandeiras”.