A Deputación de Lugo achega 150.000 € o Resurrection Fest


A Deputación de Lugo apoia cunha achega económica de 150.000€ a celebración do Resurrection Fest de Viveiro, unha cita pola que aposta a institución provincial dende os seus inicios como un importante revulsivo para a cidade do Landro e para a comarca da Mariña en termos económicos e de turismo.

Así o puxeron de manifesto os deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez.

García Porto destacou esta colaboración e recordou que este é “un apoio que vimos dando dende o principio, dende que se xestou esta cita musical, e que forma parte do compromiso que temos de colaborar, en todo o que sexa posible, cos concellos e co tecido produtivo para que poidan saír adiante iniciativas tan positivas para impulsar o turismo e a economía da provincia como o Resurrection Fest”.

“Este ano queremos que o Resurrection Fest viva a súa segunda resurrección, recuperando todo o que nos quitou a pandemia neste tempo”, destacou a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo. Así mesmo, recordou que “estamos a falar do festival de rock duro máis importante de España, unha referencia mundial deste xénero, que destaca, por suposto, polo nivel das bandas que reúne, pero tamén polo escenario no que se celebra: a paisaxe, o patrimonio e a contorna de praias tan privilexiada que ten Viveiro, e que poden desfrutar todas as persoas que deciden vir ó Resurrection Fest”.

Pola súa banda, Mayra García valorou o impacto que ten este festival para dinamizar a actividade turística, comercial e hostaleira, non só de Viveiro, senón de toda a comarca da Mariña e puxo en valor que “nestes 17 anos, o Resurrection Fest xa se converteu nunha das sinais de identidade máis recoñecidas da provincia de Lugo”.