A Deputación da Coruña apoia con 0,7 M€ a reactivación das orquestras


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou este mércores a nova liña de axudas provincial para reactivar o sector das orquestras e verbenas en Galicia, dotada de 704.000 euros e dirixida a que os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes poidan contratar directamente a orquestras e/ou subvencionar ás comisións de festas para a súa contratación.

No acto de presentación desta liña extraordinaria de axudas que se enmarca dentro do Plan de Emprego Local (PEL) tamén estiveron presentes o portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández; o deputado Ángel García Seoane, e o representante de OTAVI (Asociación de Orquestras Tradicionais ao Vivo) e responsable da Oca Band, Dani Dopazo, ademais doutros cantantes e músicos de coñecidas orquestras galegas como a París de Noia, Los Satélites, ou Metrópolis e o representante de Gaias Eventos, Luís Soto, que asistiron como público.

Na súa intervención, Formoso destacou "a dimensión económica dunha actividade na que Galicia se sitúa á vangarda de España, xa que xera 5.000 empregos e factura preto de 30 millóns de euros, o 70% da facturación do sector en toda España".

O presidente provincial tamén subliñou o "arraigo e a tradición que este sector ten en Galicia, cunha estrutura estable e organizada conformada por ao redor de 300 orquestras, entre as que se atopan algunhas das máis importantes do país, que xiran por todo o Estado".

"Nos 313 concellos galegos hai 3.000 comisións de festas, case tantas como parroquias e cada ano hai 2.400 festas e máis de 5.000 actuacións ", salientou, "por iso, a través desta liña de axudas continúamos co noso compromiso coa reactivación económica" tamén cun sector "que se viu paralizado durante a pandemia" e que tivo problemas para acceder aos ERTEs que beneficiaron a outro sectores profesionais.

Formoso lembrou que a Deputación da Coruña destinou máis de 30 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia e pola guerra de Ucraína, 25 millóns a través dos programas PEL Reactiva, dirixidoa a comercios, pemes, negocios, hostalería e axencias de viaxe, e 5 millóns de euros este mesmo ano para o programa de axudas ao sector do transporte, agrogandeiro e pesca".

Pola súa parte, o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, fixo referencia a que con esta liña de axudas "non se bota unha man só ás orquestras senón tamén aos múltiples sectores que teñen relación coa verbena e as festas populares. Hai que sumar o impacto económico que teñen para a hostalería e restauración, atraccións de feira, pirotecnia, carpas... e para outros sectores locais ao congregar en moitos casos a milleiros de persoas". Fernández apuntou que segundo un estudo realizado pola Asociación de Orquestras Tradicionais ao Vivo (OTAVI), o sector das festas populares move máis de 300 millóns ao ano contando coas atraccións de feira, carpas, restauración ou pirotecnia, uns números nos que tamén incide o estudo do profesor Xaime Fandiño da Universidade de Santiago sobre o importante impacto económico do sector na nosa comunidade.

O portavoz de OTAVI, Dani Dopazo quixo agradecer o apoio da Deputación: "estamos emocionados, para nós hai un antes e un despois de hoxe. Ogallá outras administracións collan o guante xa que se entre todos coidamos as festas galegas con un selo de calidade a todos nos vai ir moito mellor".

Por último, Ángel García Seoane quixo poñer de relevancia o papel das comisións de festas, que se verán beneficiadas destas axudas. "Non pode haber festas en Galicia se non se mima as comisións de festas. Non son empresarios, son veciños que fan un esforzo titánico para facer a festa do seu pobo. Iso non se pode ignorar, a Xunta non pode ignoralo e se sigue por aí van a desaparecer porque non as podemos manter só os concellos".

Axudas que van desde os 3.000 aos 15.000 euros. Os 90 concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes (todos agás as grandes cidades) poderán solicitar, como máximo, a contía do módulo que lles corresponda, en función da porcentaxe resultante de dividir o número de habitantes do concello entre o número total de habitantes nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, supoñendo así axudas que van desde os 3.000 aos 15.000 euros, en función da súa poboación.

Os gastos subvencionables son os correspondentes ao importe do gasto previsto para a contratación directa polo concello de orquestras que cumpran os requisitos establecidos nestas bases e os gastos previstos como subvencións a comisións organizadoras de festas populares e tradicionais para a contratación de orquestras que cumpran os requisitos establecidos. Entre estes requisitos están que as formacións musicais fagan música en directo, teñan máis de dous anos de antigüidade e unha composición mínima de seis membros, dos que catro deberán ser músicos e tocar algún instrumento.

As actividades obxecto deste programa deben realizarse ata o 31 de decembro de 2022, polo que as contratacións das orquestras poderán realizarse dentro deste período.

A presentación de solicitudes para os concellos permanecerá aberta ata o 30 de xuño ás 14.00 horas e realizarase de xeito telemático, a través da plataforma SUBTeL da Deputación: https://sede.dacoruna.gal/subtel/