A corporación provincial coruñesa inviste 1 M€ na limpeza das praias




O Boletín Oficial da Provincia publica este martes a concesión provisional do programa de limpeza de praias 2022, a través do cal a Deputación da Coruña concedeu 900.000 euros entre 41 municipios costeiros da provincia.

A finalidade do programa é apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal das brigadas que se encargarán da limpeza dos areais da provincia, así como da adquisición do material necesario, coma o vestiario ou o combustible.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destaca a importancia deste programa "que contribúe á conservación e o mantemento do patrimonio natural e o medio ambiente na provincia e impulsa tamén a creación de emprego durante os meses de verán, xa que a cargo deste programa e do de contratación de socorristas en piscinas municipais e praias fluviais contrátanse cada ano preto de 300 persoas".

A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ten unha duración máxima de tres meses, que deberán estar comprendidos entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2022. O importe máximo que se concedeu ascende a 31.335,88 euros e o mínimo a 6.768 euros.

A Deputación aplica criterios obxectivos para a baremación das solicitudes, en función da superficie total das praias existentes en cada termo municipal, segundo os datos facilitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e a poboación oficial do concello, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.