473 peregrinos con discapacidade intelectual farán 7 tramos do Camiño


O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá de Santiago, Gonzalo Muíños, acompañado polo deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón; o director do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa; e o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez, presentaron este martes o programa de actividades da Peregrinación Xacobea de Special Olympics Galicia que se desenvolverá entre o 27 de xuño e o 3 de xullo a través dos sete Camiños Oficiais.

A partir do vindeiro luns 27 de xuño, a inclusión volve a percorrer o Camiño de Santiago, da man de 473 peregrinos con discapacidade intelectual procedentes de toda España.

Trátase da xa clásica Peregrinación Xacobea que organiza Special Olympics Galicia cada Ano Santo, co fin de visibilizar o movemento asociativo da discapacidade intelectual así como ás familias, profesionais e persoas voluntarias que conforman dito movemento.

Muiños destacou a estreita colaboración entre Special Olympics Galicia e o Concello de Santiago "unha relación que xa ven de lonxe e que para nós é importante seguir apoiando e potenciando, non soamente en ano Xacobeo, senón todos os anos e nas diferentes actividades da entidade".

Pola súa banda, Rivera quixo poñer o foco no apoio e implicación da Deputación lucense nesta actividade "de feito 4 dos camiños que se iniciarán parten da provincia de Lugo, de aí que a nosa presenza hoxe sexa obrigada".

De la Campa destacou igualmente que "o deporte é unha das mellores formas de integrar, de normalizar e de visibilizar ás persoas con discapacidade intelectual na nosa comunidade, e o Xacobeo confía e considera como socio continuado neste tipo de actividades a Special Olympics Galicia. Por elo, quero aproveitar esta ocasión para dicir que no noso plan director seguiremos afondando nos próximos anos na garantía da accesibilidade do Camiño do Santiago e dos seus albergues para poder atender ao conxunto da poboación da nosa comunidade".

Finalmente o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, explicou pormenorizadamente as actividades que protagonizarán a semana de peregrinación e agradeceu a colaboración de todas as entidades e organismos que veñen colaborando coas actividades de Special Olympics "este é un proxecto transversal que nacía alá polo ano 1993, e no que tanto Special Olympics Galicia como Fademga Plena inclusión Galicia temos a satisfacción de poder dicir que por onde pasamos somos ben recibidos e contamos con todos os apoios, sexan da cor política que sexan, algo que nos enorgullece e que queremos potenciar, para que a política sexa cada vez máis inclusiva e dialogante"

Entre o 27 e o 3 de xullo, un total de 303 peregrinos de toda Galicia sumados aos 170 peregrinos procedentes de Murcia, Barcelona e Valencia, serán os protagonistas destas peregrinacións, que se desenvolverán a través dos Camiños de Inverno, Camiño Norte, Camiño Primitivo, Camiño Francés, Camiño Portugués, Camiño Inglés e Vía da Plata.