2.000 pezas serán protagonistas da Festa do Pan de Cea


O concello de Cea acollerá unha vez máis a tradicional celebración en homenaxe a un dos produtos gastronómicos referenciais de Galicia, o pan de Cea. Este produto, con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) volverá a selo protagonista en San Cristovo de Cea este fin de semana coa celebración da XXIX edición da Festa do Pan de Cea e a VIII edición da Ruta dos Fornos. A presentación destes eventos tivo lugar este mércores na sala de prensa do Pazo Provincial e contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde do municipio, José Luis Valladares e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, Carlos Rodríguez.

A Deputación de Ourense colabora neste evento que "conta co mellor ingrediente para triunfar, como é este produto excelso da nosa gastronomía", en palabras de Manuel Baltar, que reivindicou unha festa "avalada polo Concello de Cea, que promove o seu emblema e que podemos desfrutar grazas o traballo de todos os panadeiros que forman parte desta IXP".

"Esta xornada é especial sen dúbida, no comezo dun verán incrible despois dos tempos da pandemia, reuníndonos de novo ó redor dunha das xoias da ourensanía como é este pan de Cea" sinalou Manuel Baltar, destacando que "o pracer de seguir apostando e presumindo deste manxar, non soamente este día, senón tódolos días do ano e a través de todo o mundo".

Pola súa banda, o alcalde de San Cristovo de Cea agradeceu o apoio da Deputación e lembrou o traballo realizado polo que hoxe é o presidente do goberno provincial a prol da IXP Pan de Cea cando era delegado da Xunta de Medio Rural. José Luis Valladares invitou a ourensáns e visitantes a gozar co evento deste fin de semana, despois dos dous anos de parón pola pandemia.

2.000 pezas de pan e 400 participantes na comida popular dunha Festa que contará como pregoeiro con José Manuel Vázquez Rodríguez, xefe de Cardioloxía do CHUAC

O presidente da IXP Pan de Cea, Carlos Rodríguez, sinalou que "hai dous anos quedamos a mediodía sen existencias, polo que nesta ocasión poremos á disposición do público preto de 2.000 pezas". Respecto á comida popular do domingo, salientou que "temos a previsión de que acudan unhas 400 persoas". Ademais, demais destacou que durante a xornada do sábado, "o público poderá visitar seis fornos antigos, un máis ca en edicións anteriores, gozando de experiencias gastronómicas singulares en cada un deles".

Rodríguez anunciou tamén que a XXIX Festa de Exaltación do Pan de Cea contará como pregoeiro con Jose Manuel Vázquez Rodríguez, xefe de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nado en San Cristovo de Cea, quen será presentado por Marisa Crespo Leiro, recentemente nomeada filla predilecta deste concello é que tamén é unha cardióloga e investigadora destacada.

A programación destas festas comezará este sábado, día 2 de xullo, coa celebración de diversos talleres que versarán sobre o complexo proceso de elaboración do pan e de aqueles produtos gastronómicos que teñen como base este alimento.

Tamén durante a xornada do sábado de 18,00 horas ás 20,00 horas terá lugar a tradicional Ruta dos Fornos, que celebra este ano a súa VIII edición. Nela, as persoas participantes terán a oportunidade de percorrer 6 distintos fornos, un máis que na anterior edición e nos que haberá distintas experiencias gastronómicas, sempre co pan coma protagonista. A animación musical da ruta correrá a cargo das agrupacións Charanga CLK, Candaira, Feitizo de Pau, Pandereteiras de Cea, Pandereteiras de Celavella e Pratos Mornos. O concerto final da ruta correrá a cargo do grupo Movilla y los Irresistibles, ás 22.45 horas, e Gin Toni's, ás 0.30 horas; ambos os dous na Praza Maior.

Xa durante o domingo, terán lugar os actos da Festa de Exaltación do Pan de Cea no Campo da Saleta. Alí, na compaña de diversas charangas, gaitas e actuacións musicais terán lugar tanto o tradicional pregón das festas e a comida popular que contén múltiples produtos con denominación de orixe galega. Nese mesmo lugar, a través de diversos postos de artesáns e comerciantes poderán adquirirse varios produtos, incluído o Pan de Cea.

Ás 19,00 horas haberá unha degustación gratuíta de chourizos ao viño con Pan de Cea. O final de festa comezará a partires das 20,00 horas, con orquestra.

Durante toda a xornada do domingo, haberá un espazo expositivo no que participarán unha vintena de empresas de diversos sectores. Artesanía e gastronomía daranse cita nesta mostra feiral, que se complementará co stand do Inorde, onde se exporán produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos.

O pan de Cea é un dos produtos gastronómicos máis recoñecibles da provincia de Ourense estando presente en múltiples mercados repartidos ó redor do planeta. No 2021 aumentou a produción un 3% respecto ao ano 2020, chegando case as 700.000 pezas da IXP. Este incremento resalta especialmente na Comunidade Valenciana e en Andalucía, destacando tamén o aumento da demanda na restauración de alta cociña. Na actualidade, salientou o presidente do Consello Regulador, "son 13 os fornos tradicionais inscritos" na IXP.

Este produto aparece por primeira vez documentado no século XIII, e realízase a través dun proceso artesanal transmitido de xeración en xeración gracias o cal, logrou manter a súa calidade a través dos séculos. Para obter o pan de Cea é necesario realizar seis fases diferenciadas que levan no seu conxunto unhas seis ou sete horas. Estas fases consisten no amasado, repouso, división da masa, remasado, enfornado, cocción e rever.