Dous millóns de euros para o plan de sustentabilidade turística de Sanxenxo


O Consello da Xunta autorizou este xoves subscrición do convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o concello de Sanxenxo para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística Sanxenxo 365 Días dentro do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polos Fondos Next Generation, sendo o prazo de execución de 3 anos. Ten un orzamento de 2 millóns de euros.

O proxecto engloba o acondicionamento no acceso, a mellora paisaxística, a dotación ecoeficiente e a museografía dixital e equipamento no Centro de Interpretación A Telleira; a senda entre a Fianteira e Os Pasales; e a mellora do entorno, a dotación ecoeficiente e dixital do Pazo de Quintans, así como un Centro de interpretación no Pazo.

No Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia inclúese unha liña de investimento de Transformación do modelo turístico cara á sustentabilidade, que inclúe o Programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos co obxectivo de implementar actuacións de impulso da sustentabilidade turística na súa triple vertente: ambiental, socioeconómica e territorial.

De acordo ao procedemento establecido na Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino aprobada na Conferencia Sectorial, o concello de Sanxenxo concorreu á convocatoria extraordinaria de Plans Territoriais de Sustentabilidade Turística en Destino, presentando o proxecto Sanxenxo 365 días, que foi aprobado na Conferencia Sectorial de Turismo do 21 de decembro de 2021 coa Secretaría de Estado de Turismo.