0,5 M€ para confrarías a agrupacións marisqueiras da Coruña


A Deputación da Coruña apoia ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadores e mariscadoras para o desenvolvemento da súa actividade cunha achega de 460.733,27 euros, que permitirán a contratación e mantemento de persoal, mellora de infraestruturas e procesos de comercialización, entre outros.

"Un programa co que impulsamos un sector estratéxico, cunha gran importancia económica e social e que xera miles de empregos" destacou o deputado de Promoción Económica, Blas García, que tamén sinalou que aínda que o sector da pesca coruñesa "está a verse seriamente afectado polas consecuencias da crise sanitaria e económica,segue sendo referente no ámbito da pesca fresca en Galicia".

A través desta liña de subvencións, un total de 29 pósitos coruñeses recibirán entre 3.958 euros e 19.500 euros, que destinan a proxectos como a contratación e mantemento de postos de traballo, servizos de gardapescas, adquisición de sementes de moluscos, vixilancia e xestión de bancos marisqueiros, mellora na comercialización de especies, servizos de asesoramento ou adquisición de maquinaria e equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades de confrarías, lonxas ou fábricas de xeo.

García lembrou ademais que este ano, a Deputación destinou 5 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola alza dos combustibles tras a guerra de Ucraína, entre eles o sector pesqueiro da provincia. Unhas axudas que tamén contribúen a apoiar un sector chave da economía galega.