0,3 millóns de € para recuperar a ponte de Sobradelo, no antigo Camiño Real


O Consello da Xunta autorizou este xoves un convenio de colaboración co Concello de Carballeda de Valdeorras para a conservación e recuperación da Ponte Nova de Sobradelo, infraestrutura que formaba parte do antigo Camiño Real do Bierzo a Galicia e protexida polo seu valor cultural.

O Goberno autonómico sufragará o 100 % do investimento para estas actuacións por máis de 316.000 euros. As obras de conservación e recuperación da ponte consistirán na limpeza dos paramentos (elementos vexetais, depósitos…), así como na restauración das fábricas en áreas puntuais (selaxe de ocos existentes nalgunhas zonas e xuntas).

Así mesmo, substituirase o pavimento de aglomerado asfáltico no encontro cos beirís por outro de lastra de pedra que tamén permitirá separar o tráfico rodado do de peóns.

Por outra parte, coa intención de dignificar a Ponte Nova de Sobradelo colocarase nova iluminación exterior, tanto nos paramentos exteriores, como nos arcos e na calzada superior, eliminando a instalación actual obsoleta.

Con estas actuacións, a Xunta dá resposta ao seu compromiso por contribuír á posta en valor do patrimonio galego do rural.

A Ponte Nova de Sobradelo pertence ao Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. A súa configuración actual ten arredor de 350 anos tras unha remodelación realizada sobre unha ponte anterior do século XIX, aínda que se ten constancia de que a súa construción inicial foi a mediados do século XVII. Dá entrada ao núcleo da vila, que está atravesado polo río Sil e unha lonxitude de 100 metros e unha anchura de calzada de algo menos de 5 metros de pavimento asfáltico. Está realizada en pedra e consta de sete arcos e seis pías que o sosteñen.