Volven do 25 ao 29 as festas da Ascensión a Santiago


Despois dun 2020 sen Ascensión e dunha edición reducida no 2021 por mor da pandemia, volven as festas compostelás por excelencia, desde o mércores 25 ata o domingo 29, con concertos, orquestras, monicreques, e en xeral unha gran variedade de actividades para todos as idades e todos os gustos.

Ademais, tras dous anos de parón, este ano recuperarase a Festa dos Maiores que terá lugar o próximo sábado 28 no Recinto Ferial de Amio, unha cita social moi aprezada polos nosos maiores; así como a tradicional Feira Cabalar durante a xornada do xoves 26.O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou no Pazo de Raxoi o programa completo das Festas da Ascensión deste ano e agradeceu "o esforzo realizado por todas as agrupacións e entidades".

O edil amosouse confiado en que tras estos dous anos, nesta edición Festas "poidamos por fin recuperar a atmósfera de alegría e gozo que as caracterizan", pero sen deixar de atender a "calquera eventual indicación procedente das autoridades sanitarias".

Os festexos arrancarán o mércores 26 de maio ás 21:00 horas cun concerto organizado por Los40 Santiago POP na praza da Quintana, que contará coa actuación de Tanxugueiras, Rayden, Agoney, Twin Melody, Lemot, Dani e Nil Moliner, presentado por Tony Aguilar. Desde o mércores ata o domingo haberá citas musicais para todos os gustos: a mítica orquestra París de Noia, o xoves ás 20:00 na praza do Obradoiro; The Sey Sisters, á mesma hora na praza da Quintana; Dios ke te crew o venres ás 22:00 na Sala Capitol, ou Kae Tempes na praza da Quintana o sábado ás 22:00.

As orquestras Miramar e Galilea, distintas corais da cidade e a Banda Municipal de Música de Santiago tamén amenizarán as rúas, e tampouco faltarán as tradicionais alboradas que ambientarán a cidade desde o xoves ata o domingo, en horario de 10 a 12 h. Ademais, en diferentes prazas da vila, cidadáns e visitantes poderán desfrutar das actuación máis tradicionais cos ciclos "Folk na rúa" e "Escolas de Baile Tradicional", ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras.

Tras dous anos de ausencia, esta edición recupera a tradicional Feria Cabalar, que terá lugar o xoves 26 de maio no Recinto Ferial de Amio, e que ofrecerá un amplo programa de actividades a todos os afeccionados ao mundo do cabalo galego, con andaduras, mostras e entrega de premios, e un espectáculo ecuestre de doma.

Toda información do programa estará dispoñible desde hoxe na páxina web municipal e nas redes do Concello.