Un cuarto de millón de € para mellorar o mercado da Magdalena de Ferrol


A Xunta de Goberno de Ferrol aprobou as contratacións das obras de rehabilitación da cuberta e as fachadas do pazo municipal e a mellora do mercado central da Magdalena. Así o anunciou o voceiro do goberno local, Julián Reina, despois da reunión ordinaria. Trátase de dúas intervencións que contan con financiamento do Plan Provincial de Obras e Servizos (POS) e suman un investimento de 810.421,26 euros.

En concreto, as obras de mellora do mercado central da Magdalena foron adxudicadas por unha cantidade total de 247.771,26 euros (204.769,64 máis 43.001,62 correspondentes ao 21 por cento de IVE). Terán un prazo de tres meses para a execución.

Con esta intervención vaise dar solución aos problemas de oxidación que presenta a cuberta da nave principal. Prevese o seu lixado para aplicarlle unha imprimación e despois pintura de poliuretano co fin de crear unha membrana impermeabilizante.

Tamén se empregará esta solución nas canles de aceiro e na renovación de terrazas e marquesiñas. As actuais fiestras de lamas, moi deterioradas, substituiranse por unhas novas.