Trinta stands pon en valor os produtos autóctonos na feira da Milagrosa


A praza luguesa da Milagrosa acolle desde hoxe ate o domingo a XXV edición da Feira do campo e da artesanía de San Isidro.

A alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que o evento leva un cuarto de século poñendo en valor os productos autóctonos e artesanais, consolidada xa como "a maior feira urbana de toda Galicia”.

Neste senso, destacou que “durante toda a fin de semana uns 30 vendedores chegados de A Coruña, Oviedo, Ourense, Pontevedra e diferentes puntos da provincia de Lugo, achegarannos os seus produtos de primeira calidade”.

“Dende o Concello estamos encantados de colaborar, unha vez máis, coa organización desta cita, pois supón unha gran oportunidade para enxalzar as nosas raíces rurais e dinamizar durante varios días as rúas deste barrio, un dos máis senlleiros da cidade, así como o comercio local e de proximidade”, engadiu.

Así, a alcaldesa convidou aos veciños e veciñas de Lugo “a participar nesta nova edición da feira e gozar da programación de actuacións culturais, degustación de produtos e exhibicións de artesanía, entre outras actividades, que completan o programa do evento”.

Haberá dúas degustacións de embutidos e queixos da provincia e o pregón correrá a cargo do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca. Con motivo da presentación deste evento o pasado xoves foi nomeado socio de honra da Asociación A Milagrosa, César Dorado, presidente de Acruga.