Satisfacción pola promoción de Pontevedra na serie Un asunto privado


A Deputación de Pontevedra vén de amosar a súa alegría e orgullo tras coñecer que "Un asunto privado", de Bambú Producciones, competirá pola Ninfa de Ouro na categoría de ficción do Festival de Monte Carlo, o festival máis recoñecido de televisión en Europa, que se desenvolverá entre o 17 e o 21 de xuño. A institución provincial, na súa estratexia de promoción como destino de rodaxes no marco da Pontevedra Provincia Film Commission, cedeu o Pazo Provincial de xeito gratuíto e áxil para acoller escenas da serie, que se estreará proximamente en Prime Vídeo en máis de 240 países. Xunto ao Pazo, foron tamén escenarios de rodaxe da serie as cidades de Pontevedra, Vigo, Tui, así como Combarro, Fornelos de Montes e Baiona.

Para a Deputación de Pontevedra a nominación de "Un asunto privado", producida pola pontevedresa Teresa Fernández-Valdés a quen trasladou a felicitación, é un revulsivo para seguir apostando pola promoción de Rías Baixas como lugar de rodaxes de proxectos audiovisuais e cinematográficos no marco da Pontevedra Provincia Film Commission. Con este servizo público e gratuíto a institución provincial pretende incrementar o posicionamento da súa imaxe de marca a nivel nacional e internacional e o crecemento económico da provincia, asesorando a empresas e profesionais do sector audiovisual que desexen rodar en Pontevedra, facilitándolles todos os trámites e necesidades para poder realizar os traballos.

"Un asunto privado" foi rodada na provincia en plena pandemia, entre outubro de 2020 e mediados do 2021. Sen ser aínda estreada xa ten sido nominada na 61 edición do Festival de Monte Carlo, converténdose na única española na competición oficial. Así, pelexará pola "Ninfa de Ouro" contra Ida´s Novel" (Hungría), "Made in Oslo" (Noruega), "Martha Liebemann" (Alemaña), "The Offer" (EEUU), "The terminal list" (EEUU), "The Tourist" (Gran Bretaña), "Torm" (Islas Feroe) e "Vincenzo Malinconico, Avvocato D´Insuccesso" (Italia).