Respaldo do sector á Fábrica da Luz como centro enogastronómico


O plan de turismo sostible proxectado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que se presentou aos fondos europeos e que busca promover como principais atractivos o seu patrimonio histórico e natural a través da gastronomía como relato de cidade e coa Fábrica da Luz como un dos eixes principais de impulso, conta xa co apoio dos principais axentes de dinamización turística do municipio, así como de institucións e do propio Clúster de Turismo de Galicia.

A rexedora quere que Lugo sexa un destino referente para atraer un turismo de calidade e sostible, “co fin de seguir dando pasos neste importante sector económico pero evitando un crecemento turístico masificado e desestruturado”. Neste senso, destaca a importancia que ten a gastronomía lucense, co seu lema ‘... E para comer, Lugo’, “que queremos impulsar aproveitando que este ano a gastronomía é un factor prioritario nas políticas turísticas dos Gobernos central e autonómico e das axudas europeas convocadas polo Plan Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia”.

Estas son as bases do proxecto, que a rexedora presentou aos principais axentes vinculados co turismo e a alimentación da cidade na Mesa da Participación que se creou para incorporar as súas suxestións e impulsar o plan, e que xa conta co apoio explícito das cartas remitidas pola Universidade de Santiago así como da súa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias e da Cátedra do Pan e o Cereal, ademais das asociacións de Hostalaría e Turismo de Lugo e de Empresarios de O Ceao e As Gándaras, da Asociación de Cociñeiros de Lugo, da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Federación de Comercio, a Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, e do Balneario. Así mesmo, conta co aval do Clúster de Turismo de Galicia e da Deputación de Lugo.

A Mesa da Participación foi especialmente receptiva ao proxecto deseñado e os seus integrantes fixeron chegar interesantes propostas, que se incorporaron, como a formación aos restauradores da cidade sobre a cociña romana castrexa, como elemento diferenciador e distintivo da cultura gastronómica propia, ou mesmo a instalación dun Museo do Pan, pola calidade e a proxección deste alimento.