Quintana enxalza o marisqueo como dinamizador económico e laboral


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de manifesto este venres o papel da pesca artesanal e do marisqueo na dinamización económica e laboral das zonas costeiras. Así o destacou durante a Xornada sobre pesca costeira e marisqueo artesanal enmarcada nos actos cos que Galicia se suma este ano ao Día Marítimo Europeo.

A Comunidade contribúe a esta efeméride organizando 11 dos 630 eventos globais que se celebran nesta edición en 28 países, uns encontros nos que intervirán máis de 200.000 participantes, o que marcará un novo récord na historia desta data.

Desde un escenario museístico como é o buque con motor a vapor Hidria Segundo da Fundación Traslatio, a Consellería do Mar analizou nesta xornada a situación actual e os retos de futuro da pesca costeira artesanal e o marisqueo de Galicia, dous sectores fundamentais para a economía galega e a transformación do territorio. De feito no evento resaltouse que se trata de actividades dunha gran importancia, tal e como recoñeceu a Asemblea Xeral das Nacións Unidas ao declarar este 2022 como o Ano Internacional da Pesca e a Acuicultura Artesanais.

A conselleira apuntou que este día serve para que todos os actores implicados expoñan as súas preocupacións e ideas e deseñar en conxunto as novas respostas aos desafíos do futuro. Así, apostou pola potenciación dos sectores marítimos para garantir a xeración de riqueza económica, a creación de postos de traballo e o benestar social, así como fomentar a conservación dos recursos da biodiversidade mariña como aval dunha actividade responsable e sostible.

Rosa Quintana asegurou que o Hidria Segundo supón “un espazo privilexiado” como fonte de unión entre os axentes locais e empresariais e o Porto de Vigo ao tempo que constitúe un polo de atracción turística que aglutina a tradición marítima e o futuro como centro de información da ruta Iacobus Maris, a peregrinación marítima Xacobea máis longa da historia.

O Hidria Segundo permanece atracado no peirao de Portocultura no Berbés e ofrece visitas abertas ao público para ensinar o seu funcionamento e a súa historia. Trátase do único barco con motor de vapor en activo de toda España, algo que, en palabras da conselleira do Mar, “nos diferencia doutros países onde estas embarcacións só se atopan en museos e que é imaxe de que a cultura marítima galega segue viva”.