Publicada a guía mozárabe 'Vía de la Plata. Sevilla-Ourense-Santiago'


A promoción dos camiños a Santiago segue en efervescencia. Unha nova iniciativa é a que acaba de patrocinar a Deputación ourensana coa publicación da guía "Vía de la Plata. Sevilla-Ourense-Santiago por el Camino Mozárabe".

A publicación está impulsada pola Asociación de Amigos Vía da Plata-Camiño Mozárabe e pretende ser "unha axuda en cuestións esenciais e ofrecer información que faga o viaxe máis sinxelo e ameno", segundo explican no prefacio da obra, que xa está á venda.

A obra apoiase en rutas GPS, antecedentes históricos e culturais e información práctica para "conducir aos camiñantes polas sendas do Camiño Mozárabe".

A monografía, que tamén conta coa colaboración do Xacobeo 21-22 e a Fundación CEO, proporciona un código QR para cada xornada, que remitirá a un track GPS na aplicación Wikiloc, a máis estendida de España nas rutas de sendeirismo e bicicleta. Entre outras vantaxes, permite seguir a ruta sen conexión a Internet e emite alarmas sonoras en caso de desvío da ruta establecida.

A guía pretende centrarse ao longo de 140 páxinas na "experiencia peregrina": está realizada por "peregrinos para peregrinos", e ademais de amosar a "beleza do recorrido a través das fotografías", pretende ofrecer ao camiñante "unha aproximación á cultura xacobea, incidindo nos aspectos históricos, artísticas, humanos e paisaxísticos dos lugares que visitaremos".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recoñeceu o traballo da Asociación Amigos da Vía da Plata: "Este proxecto é froito do traballo deste colectivo, que leva traballando como ninguén polo Camiño Mozárabe, un magnífico escaparate da nosa provincia a nivel turístico, cultural, gastronómico... e todo dende un prisma internacional".

Pola súa banda, o presidente da Asociación Amigos da Vía da Plata, José Luis Rodríguez Cid, destaca que en "Ourense somos uns privilexiados, o Camiño é unha fiestra internacional para a provincia". Esta nova guía, explica Rodríguez Cid, "está editada con motivo do Xacobeo 21-21, grazas a colaboración da Deputación de Ourense e do seu presidente, Manuel Baltar. Sen este patrocinio sería imposible tela confeccionado, estamos moi agradecidos".