Proxecto pioneiro de turismo industrial en Carballeda de Valdeorras


A Deputación de Ourense, o Concello de Carballeda de Valdeorras e o Clúster da Lousa están a avanzar no desenvolvemento dun proxecto de turismo industrial pioneiro en Galicia, no que se promoverán as visitas ás explotacións da zona e ás paraxes que as rodean, dando ademais unha maior visibilidade a un sector clave na economía ourensá e galega.

O presidente Manuel Baltar visitou os lugares de Caborco Oscuro e Pena Airola-Queivane, na parroquia de Casaio, para coñecer de primeira man o potencial turístico destas canteiras, un recurso que tamén pode resultar de interese como escenario para as producións audiovisuais que promove a Deputación na provincia.

Na súa visita institucional a Carballeda de Valdeorras, que ademais das explotacións incluíu un encontro na sede do Clúster da Lousa, Manuel Baltar estivo acompañado pola alcaldesa, María del Carmen González, e o presidente da entidade que representa ao sector, Víctor Cobo.

Manuel Baltar deixou constancia da súa satisfacción por colaborar "nun proxecto ambicioso e pioneiro, que contribúe ao coñecemento do sector e á promoción de espazos onde se compatibiliza a industria extractiva co medio ambiente e paraxes sen comparanza". Este labor, engadiu, "reflectirase nas visitas á comarca grazas á promoción que imos realizar deste tipo de turismo, pero onde tamén teñen encaixe as rodaxes audiovisuais para difundir unha das fontes de riqueza máis importantes da provincia e de Galicia".

Para a Deputación "a palabra clave no seu labor de goberno é cooperación", destacou Manuel Baltar, que comprometeu a inclusión do turismo industrial entre as prioridades do Inorde, animando aos responsables do Clúster da Lousa a presentar novos proxectos para 2023 que poidan contar co apoio da Deputación: "Todo territorio é de interese xeral para a provincia, sobre todo unha comarca como Valdeorras cunha industria tan importante e un futuro tan relevante".

María del Carmen González non só agradeceu a visita institucional do presidente provincial, senón tamén a resposta que sempre atopou o Clúster da Lousa na Deputación "como unha institución amiga". A alcaldesa definiu este proxecto como "un tipo de turismo diferente ao que estamos acostumados en Galicia, pero que noutros países de Europa e do resto do mundo ten cada vez máis éxito", citando como exemplo próximo as Médulas no Bierzo.

Víctor Cobo tamén destacou que o proxecto de turismo industrial contribuirá "a visibilizar a relevancia que o noso ámbito de actividade posúe no entorno e a poñer en valor o noso traballo". A produción e comercialización da lousa, explicou, é o principal motor económico da comarca de Valdeorras e un dos máis relevantes da provincia de Ourense, "chegando a crear preto de 10.000 postos de traballo directos e indirectos, polo que xoga un papel clave para asentar poboación no rural".