Primeiro paso para facer da Fábrica da Luz de Lugo un centro enogastronómico


A rexedora de Lugo, Lara Méndez, mantivo o primeiro encontro da Mesa de Participación convocada pola Alcaldía para promover a implicación e escoitar as inquedanzas dos axentes sociais do municipio con relación ao proxecto de enogastronomía co que o Executivo local concorrerá aos fondos europeos que se convocan ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos no marco da Estratexia Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central.

Unha reunión que se sucede á videoconferencia que a alcaldesa mantivo tamén coa directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, para presentarlle a iniciativa.

A xuntanza contou con representación do tecido empresarial e do sector turístico, así como da Universidade, aos que a propia alcaldesa lles deu conta dos detalles da candidatura lucense e lles trasladou toda a información relativa ás diferentes liñas de actuación que contempla.

“A nosa vontade é profundar nos posibles usos e utilidades que levamos tempo barallando para a Fábrica da Luz co obxectivo de acadar un gran consenso entorno á proposta definitiva, para o que tamén realizamos unha enquisa pública coa finalidade de que a cidadanía poida achegar as súas ideas e suxestións ao respecto”, sinalou Méndez.

A alcaldesa referiu que a decisión de optar por un proxecto de enograstronomía obedece á prioridade que os Executivos estatal e autonómico lle deron este ano a este factor, dentro das súas políticas turísticas e no que o Concello de Lugo se baseará, tamén, para pular por un modelo de turismo sostible e de calidade no municipio.

Dentro dos eixes previstos na convocatoria dos Fondos Europeos, encamiñados a favorecer a transición verde, Lara Méndez pretende recuperar na ribeira do Miño o edificio da Fábrica da Luz como un centro de referencia para o devandito cometido.

“A intervención contempla dende mellorar o inmoble enerxeticamente, a impulsar a imaxe de calidade dos produtos de proximidade ate fomentar o uso da mobilidade eléctrica, establecer sinerxías con pemes do sector e ofrecerlles formación e asesoramento, progresando, á súa vez, na transición dixital. Trátase pois dunha proposta moi ambiciosa que reverterá na competitividade de Lugo como polo de atracción de visitantes, en consonancia ás esixencias do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos”, concluíu Lara Méndez.

Na Mesa de Participación desta tarde, á que tamén asistiu a tenenta de alcaldesa de Cohesión Social e concelleira de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, así como persoal técnico deste departamento, o resto de participantes achegaron as súas impresións e acordaron manter un próximo encontro para debullalas pormenorizadamente.