Pontevedra será capital gastronómica de novo co Gastrolab




A cidade poderá vivir, grazas a un acordo firmado entre o Concello e a Deputación, tres eventos distintos como son: Gastrolab, PonteSan e Ponteciencia .

O Concello e a Deputación de Pontevedra materializaron cunha sinatura pública o convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades no eido da educación, saúde, deporte e promoción económica. Na práctica, a achega económica que realiza a Deputación -de 169.056,10 euros- fará posíbel a celebración de tres eventos distintos: a III Feira da Saúde e Benestar. Pontesan, Ponteciencia. IX Feira da Minicencia e o Gastrolab. O custe total das actuacións ascende a 22.272,36 euros.

Así, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cristalizaron o acordo e puxeron en valor o traballo conxunto que as dúas institucións están a facer na Boa Vila.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva,resaltou que "levamos unha temporada na que asinamos convenios co Concello de forma case habitual, algo que a min me satisfai moito", recordando que a institución provincial destina cada ano 2,5 millóns de € para asinar convenios con Pontevedra. "Se a semana pasada asinábamos o convenio de cesión do subsolo dos edificios do Museo, hoxe outro acordo para financiar tres actividades que son un sinal identificativo da cidade: a III Feira de Saúde e Benestar PonteSán, PonteCiencia e o Foro Internacional de Gastronomía Gastrolab".

A presidenta provincial detallou que o convenio ten "moito que ver coas novas respostas que hai que dar ao mundo no que vivimos", e enxalzou a iniciativa do Gastrolab, ao que cualificou como unha proposta "moi interesante, que vai conseguir que Pontevedra, cunha longa tradición en todo o que ten que ver coa restauración, tanto tradicional como avanzada, dunha enorme calidade, moi vinculada cos nosos produtos, sexa capital gastronómica".

Pola súa banda, o rexedor da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo fincapé na "produtiva" relación que existe entre Concello e Deputación, sendo este o terceiro convenio asinado neste mesmo mes, "sacando adiante cuestións que afectan a toda a cidadanía, sexa cultura, gastronomía, educación ou saúde". "Unha cidade ten que ter en conta o seu patrimonio, a súa memoria e garantir un futuro estimulante", indicou.

"É un convenio este que atende a moitos aspectos da vida pública municipal e como somos dúas institucións locais o normal é colaborar, coñecer as experiencias que facemos aquí e noutros sitios e aproveitalas. A colaboración entre institucións é fundamental e eu alégrome moitísimo e agardo seguir agardando máis convenios coma este", sinalou o alcalde.